Portada de "Tic Tac", libro-disco de Pablo Díaz e Marc Taeger

Tic Tac” é o novo libro-disco de KALANDRAKA, interpretado por Pablo Díaz, con ilustracións de Marc Taeger e colaboracións musicais: Xabier Díaz, Guadi Galego, Carmen Rey, Ruote... Conta tamén coas achegas de Santiago Auserón e de Xurxo Souto no prólogo e no epílogo, respectivamente. Acode cantar e bailar ao son de “Tic tac” este domingo día 27 ás 17:00 horas na Porta do Sol de Vigo.

 

Pablo Díaz interpretará cancións do libro-disco "Tic-tac" este domingo en Vigo

O concerto está organizado polo Servizo de Normalización Lingüística e pola Concellería de Xuventude de Vigo, no marco das actividades do Nadal. A convocatoria do acto difundiuse en centros de ensino, colectivos veciñais, ludotecas e puntos de información cidadá. Será unha celebración da música de raíz galega, mesturada con ritmos de jazz, rock, soul, swing ou ritmos latinos.

As 16 cancións do disco abordan temas próximos aos máis novos, como a natureza, o mar, os animais ou o fogar, proporcionándolles vocabulario e fórmulas de expresión a través da música. Un libro-disco para ver, escoitar e cantar, tanto en familia como na escola, que se complementa cunhas espectaculares ilustracións elaboradas coa laboriosa técnica do linogravado.

Proceso creativo das ilustracións de "Tic Tac", por Marc Taeger

Proceso creativo das ilustracións de "Tic Tac", por Marc Taeger

Afondando no carácter tradicional da música, a técnica artística tamén está recuperada dos tempos de antano. Alá polos días calurosos do verán, na horta da súa casa de Bueu, Marc Taeger adicábase a tallar nunha prancha a forma das figuras, que posteriormente impregnaría de cor e estamparía en papel. Ben secas á sombra das viñas, esas láminas serían procesadas con métodos dixitais para compoñer as ilustracións definitivas. Na páxina web do ilustrador tamén se pode facer un seguemento do proceso creativo.

Proceso creativo das ilustracións de "Tic Tac", por Marc Taeger

Proceso creativo das ilustracións de "Tic Tac", por Marc Taeger

“O reloxo de Alberte” é o principio deste percorrido musical, cun áxil “Tic tac” (Fran Amil na batería e Tito Calviño na guitarra eléctrica) que foi a sintonía das emisións radiofónicas da campaña de dinamización lingüística PALABRAS NO AR, de KALANDRAKA. Co son da harmónica, convencémonos de que “un libro está sempre comigo e así pode ser o meu amigo”. E neste tempo de inverno, non podía faltar “A choiva”, na voz de Xabier Díaz. Os animais do cortello son os protagonistas encadeados de “Un vello”, a ritmo de violín e bouzuqui. As gaitas e a percusión soan con enerxía en “O traxe de metal” (Brais Maceiras no acordeón diatónico).

Proceso creativo das ilustracións de "Tic Tac", por Marc Taeger

Proceso creativo das ilustracións de "Tic Tac", por Marc Taeger

Na canción da cunca, sobre os obxectos que se atopan na cociña, conta nos coros coas Axeitadiñas. “Imos contar un conto” lévanos con ledicia pola beira da imaxinación. As cousas do amor están presentes na historia do “Crocodilo”, no que destaca a música a base de cavaquiño, saxofón, frauta travesa e trombón. Carmen Rey canta e interpreta o piano na suave melodía “No mar”.

Proceso creativo das ilustracións de "Tic Tac", por Marc Taeger

Proceso creativo das ilustracións de "Tic Tac", por Marc Taeger

“Son un trasno” recrea un divertido relato, con profusión musical e acústica (Pedro Lamas no saxofón). Os efectos sonoros acompañan “O reiseñor”. A guitarra eléctrica e a batería marcan o compás en “O rock do porco celta”. Séguelle a historia do “Moucho chosco”, coa voz da pequena Icía poñendo o ton infantil. “Un, dous, tres” é a canción dun libro homónimo de FAKTORÍA K. Ruote acompaña o retrouso popular de “O jai jai” e, por último, Guadi Galego é a voz e o piano dun doce “Arrolo” que nos acompaña na hora de durmir.

“Cancións e imaxes falan a mesma linguaxe, vanlles gustar tanto aos rapaces como aos adultos. E é que aos rapaces hai que tratalos como a seres intelixentes, sempre e cando se comporten como tales. Hai que respectar ante todo esa intelixencia primeira que non deberiamos perder co paso do tempo. Pablo e Marc non a perderon...”

                    Santiago Auserón

“Como as agullas xiran polos números das horas, nós tamén camiñamos polas imaxes de Marc, polas melodías de Pablo, até completar a esfera enteira desta obra marabillosa”.

                    Xurxo Souto