“…Porque desde a súa fundación une a lingua galega a produtos excelentes escritos e ilustrados por profesionais de Galicia; mais tamén traduce á lingua galega o traballo dos mellores creadores e creadoras estranxeiros. Kalandraka mantén un compromiso coa lingua tan forte que supera o ámbito empresarial e traspasa as fronteiras galegas. O xurado valorou, ademais, que os produtos da editorial chegan directamente ás familias, facendo normal que o galego sexa a lingua da imaxinación, da fantasía, dos soños e da descuberta do mundo para as lectoras e os lectores máis pequenos. Alén do labor editorial, Kalandraka fomenta a animación á lectura, a creatividade e a escrita colaborando con centros de ensino, entidades e asociacións de Pontevedra”.

Kalandraka vén de ser distinguida co Premio Xoan Manuel Pintos 2013 pola súa traxectoria editorial a prol da lingua galega. Nesta mesma edición tamén foi distinguida a campaña Gústame o Galego, da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), polo labor realizado desde a última edición do premio.

O xurado estivo formado por Demetrio Gómez, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra; Montse Bragado, da Aula Castelao de Filosofía; Rubén Rivas, da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, ambas as dúas entidades premiadas na edición anterior; Francisco Freire, da Federación de Asociacións de Nais e Pais de Pontevedra; Antón Mouriz, da Asociación Manaia de Axuda á Adopción; Xaquín Estévez, da asociación O Burgo; David Lombao, director de Praza Pública; Gregorio Ferreiro, representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística; Juan de Sola, en representación do Colexio Profesional de Xornalistas; María Luísa Vázquez, do ENDL do IES Frei Martín Sarmiento; e Concepción Cochón, técnica de normalización lingüística no Concello de Pontevedra.

O Premio Xoan Manuel Pintos convócano o Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) co fin de facer recoñecemento público ao labor de impulso do uso da lingua galega e ao mesmo tempo manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento e un dos pioneiros no compromiso coa defensa da lingua galega.

Os premios Xoán Manuel Pintos entregaranse no transcurso dun acto público o vindeiro xoves 28 de novembro.