Este venres 1 de agosto comeza unha nova edición da Feira do Libro da Coruña, nos Xardíns de Méndez Núñez, ata o día 10.

A caseta de LIBROS PARA SOÑAR será a número 28.

O programa da Feira inclúe varias actividades protagonizadas por autores e libros editados por KALANDRAKA:

O sábado 2 de agosto ás 19:00h, o ilustrador David Pintor asinará exemplares das súas obras: os cadernos de viaxe "Lisboa" e "Compostela", os libros de relatos "Minimalario" e "Contos para nenos que dormen deseguida", o poemario "Almanaque musical", o álbum "Nicomedes o pelado" e o libro-disco "Brinca vai!".

David Pintor asinará libros o sábado 2 ás 19:00h.

Migallas Teatro actuará o mércores 6 ás 20:00 horas no marco da Semana da Música Infantil presentando "Pan de millo". Posteriormente, na caseta de LIBROS PARA SOÑAR, María Campos e Carlos Yus asinarán exemplares do libro-disco, xunto co ilustrador da obra, Dani Padrón.

Migallas presentará "Pan de millo" o día 6 ás 20:00h na Semana da Música Infantil.

Pechando a Semana da Música Infantil e a propia Feira do Libro, o domingo 10 ás 20.00 horas o músico Paco Nogueiras interpretará unha selección de cancións do libro-cd-dvd "Brinca vai!". Tralo concerto, Paco Nogueiras manterá un encontro cos lectores na caseta de LIBROS PARA SOÑAR, onde dedicará exemplares.

Paco Nogueiras presentará "Brinca Vai!" o día 10 ás 20:00h. na Semana da Música Infantil.

Paralelamente á Feira do Libro, os Xardíns de Méndez Núñez tamén acollerán a Feira do Cómic, na que KALANDRAKA ocupará a caseta número 26.