Kalandraka en Culturgal 2015

 [Preme na imaxe para ampliar]

Venres 4 · 18:30 horas · Espazo Foro

A xornalista e escritora María Solar presenta o seu novo libro, Teño uns pés perfectos, cunhas ilustracións de Gusti que destacan polo seu ton humorístico. Trátase dun ‘libro dentro dun libro’ no que o relato literario se complementa con información divulgativa sobre os pés, contada de xeito ameno: os tipos de pés, cantos ósos hai en cada pé, canto medran as unllas… Estas e outras curiosidades sobre esta parte tan importante -e tan descoñecida- do corpo centran unha das apostas de KALANDRAKA neste Nadal, para lectores e lectoras a partir de 7 anos. A autora será entrevistada pola actriz e narradora Beatriz Campos.

"Teño uns pés perfectos", de María Solar & Gusti (Kalandraka).

Sábado 5 · 17:30 horas · Espazo Libro

O tradutor Isaac Xubín protagonizará un recital poético (coa colaboración dos músicos Marcos Padrón, Felipe Agell e Patricia Cela, do Cuarteto Caramuxo) a partir do libro Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia; unha obra coa que Xubín gañou recentemente o I Premio Etxepare de Tradución. En edición bilingüe eúscaro/galego, esta é a primeira antoloxía poética de Sarrionandia, un dos principais expoñentes da moderna literatura vasca. O propio autor participou na selección das composicións, que abranguen tres décadas de traxectoria literaria.

"Tempo de exilio", de Joseba Sarrionandia - trad. Isaac Xubín (Faktoría K).

Domingo 6 · 18:00 horas · Espazo Infantil

Preséntase un libro despregable titulado Balea, cuxos artífices son os artistas plásticos Federico Fernández (Premio Nacional de Ilustración 2001) e Germán González. Caracterizados como os simpáticos personaxes que habitan no interior do cetáceo mecánico que aparece representado neste mural de gran formato, entre os dous van artellar unha actividade dinámica e divertida, dirixida a público de todas as idades, na que combinarán o debuxo, a mímica e a música. “Balea” é, ademais, a obra que inspirou a ambientación do stand de KALANDRAKA neste Culturgal.

"Balea", de Fernández & González (Kalandraka).