Comeza a conta atrás para a inauguración de LIBROS PARA SOÑAR-A Coruña. Faltan só tres días para abrir ao público este novo espazo adicado á Literatura Infantil e Xuvenil e á promoción da lectura entre a xente máis nova. A libraría vai amosando xa algúns dos seus recunchos máis especiais...

Porque os protagonistas son os nenos e nenas, a zona infantil destaca polo seu colorido e pola presenza de elementos que buscan a súa complicidade: estes días, directamente chegado dende os bosques de Bengala, recibimos a un félido amigo que invita a ler “O tigre que veu tomar o té”.

Unha cómoda butaca é o lugar ideal para que os maiores lean e escoiten o libro-cd-dvd “Na punta do pé”, para aprender a danzar e a cantar ritmos musicais galegos e portugueses.

De pintar os murais que decoran LIBROS PARA SOÑAR ocupouse o artista plástico galego Pablo Otero, que se inspirou nas ilustracións do libro “Contos por teléfono”, a emblemática obra do escritor e pedagogo italiano Gianni Rodari que moi pronto verá a luz no catálogo dos Libros para Soñar de KALANDRAKA.

E ocupando unha parte preferencial, os andeis das novidades, con interesantes propostas de lectura para cativos de todas as idades, dende os pre-lectores que se inician no manexo dos libros con materiais de tea, madeira ou cartón, ata os lectores autónomos que xa len álbums ilustrados e conxuntos de relatos.

Queredes saber como é o primeiro escaparate de LIBROS PARA SOÑAR-A Coruña? Mañá, nun próximo artigo, poderédelo ver. Unha pista: é de temática artística.

LIBROS PARA SOÑAR é unha libraría especializada en Literatura Infantil e Xuvenil que esta semana abre as súas portas na cidade da Coruña. O acto de inauguración, no que vai participar o equipo de animación á lectura de KALANDRAKA, xunto con varios autores e ilustradores, consistirá nunha sesión especial de contos e música, aberta ao público, que se vai celebrar este venres 30 de setembro a partir das 18:00 horas.

Este novo espazo pon a disposición dos nenos e nenas e das súas familias, dos docentes e animadores socioculturais, dos bibliotecarios e lectores en xeral, tanto infantís como adultos, unha ampla selección do máis salientable do panorama editorial. Tamén conta cun lugar de lectura e cunha sala para realizar sesións de contacontos, obradoiros infantís de plástica e de escrita creativa, cursos de formación para mediadores e profesionais do ensino, e exposicións de ilustracións orixinais co obxectivo de inculcar a sensibilidade estética necesaria para apreciar o traballo dos artistas plásticos nos libros.

O ilustrador Pablo Otero -ourensán afincado na Coruña- protagoniza a primeira mostra: as imaxes do álbum “Contos por teléfono”, un libro de relatos do escritor italiano Gianni Rodari, un dos principais renovadores da pedagoxía moderna, que vai ser unha das próximas novidades no catálogo de KALANDRAKA.

Coa súa variada oferta bibliográfica e cun atractivo programa de actividades, LIBROS PARA SOÑAR, no número 64 da Avenida de Fisterra, proponse actuar como un espazo acolledor e dinámico a prol da lectura e da cultura en xeral; achegar a infancia ao pracer de ler e propoñer estratexias útiles para continuar, tanto no fogar como nas aulas, esa importante tarefa de estimulación da creatividade e da imaxinación dos cativos.

LIBROS PARA SOÑAR: Avda. Fisterra, 64 | Tlf. 881 922 447

lpscoruna@kalandraka.com | http://librosparasonhar.wordpress.com/

Páxina en Facebook: Libros para Soñar-A Coruña