Imos cazar un oso, un oso grande e fabuloso.

Oh, que fantástico día! Ninguén lle ten medo ao oso!

Oh-ooh! Herba! Herba alta e mesta.

Por riba non podemos pasar. Por baixo non podemos pasar.

Oh! Non! Terémola que atravesar!

Un pai e os seus catro fillos inician unha aventura que os levará a ir atravesando un campo de herba, un río, un bosque... ata que finalmente chegan a unha cova na que aparece un oso que os fai fuxir desandando a toda présa o camiño de volta á casa. A partir dunha canción tradicional, Michael Rosen elabora un texto sinxelo cunha estrutura rimada e repetitiva que, no clímax do relato, invirte a orde de todas as accións. "Imos cazar un oso" está traducido ao galego por Sandra e Óscar Senra, e ao éuscaro -co título "Hartza ehizatzera goaz"- por Manu López Gaseni, publicado en coedición con Pamiela.

É un álbum ideal para primeiros lectores. Ao intercalar onomatopeas que describen os movementos da familia, resulta un conto moi dinámico. Ademais, recrea un ambiente sonoro propicio para ser contado e para involucrar o público infantil na narración.

Dende o punto de vista artístico, “Imos cazar un oso” comeza na mesma portada e, incluídas as gardas, ofrece acuarelas a dobre páxina que enchen a vista con paisaxes e panorámicas nas que destaca a representación da natureza. Helen Oxenbury -que para crear os personaxes inspirouse nos seus fillos e mesmo no seu propio can- fai un xogo visual ao alternar imaxes en branco e negro con ilustracións en color para diferenciar os planos nos que a familia se dispón a afrontar cada obstáculo, coas escenas nas que se describe como van evolucionando os protagonistas. Son ilustracións que van mudando de tons luminosos e lixeiros a cores densas e escuras a medida que se vai acrecentando o suspense para volver á claridade do fogar.

Michael Rosen (Harrow, Middlesex, 1946) rematou os seus estudos no Wadham College de Oxford e en 1969 empezou a traballar na BBC. Foi guionista de programas infantís educativos. En 1974 publicou o seu primeiro libro de poesía para nenos. Nos 90 completou a súa formación sobre literatura infantil nas Universidades de Reading e North London. Impartiu clases na Universidade de Londres. Presenta un magazine radiofónico na BBC. Ten recibido numerosos premios, como o Children’s Laureate en 2009, e recoñecementos académicos nas Universidades de Exeter, Nottingham e East London, entre outras. Foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo goberno francés. En 2010 a Unión Nacional de Profesores concedeulle o Premio Fred e Anne Jarvis.

Helen Oxenbury (Ipswich, Suffolk, 1938) interesouse pola pintura dende moi nova. Estudou na Escola de Arte de Ipswich e na Escola Central de Arte e Deseño de Londres, onde coñeceu o que sería o seu home, o autor e ilustrador John Burningham. Traballou como deseñadora e escenógrafa en compañías de teatro, na cadea de televisión ABC e nos estudos cine-matográficos Shepperton. Dende 1967 desenvolveu unha importante carreira como autora e ilustradora de libros infantís. Vendeu millóns de copias dos seus títulos, convertidos en clásicos actuais do seu xénero. Gañou en dúas ocasións a Medalla Kate Greenaway e o Premio Kurt Maschler, e ata tres veces o Premio Smarties Book; a súa obra foi distinguida pola Asociación Británica de Bibliotecarios. É unha das creadoras máis valoradas polos expertos en LIX do seu país.