LIBROS PARA SOÑAR recibe este venres 13 de maio, ás 18:30 horas, ao escritor vigués Fran Alonso e mais ao músico Xurxo Souto, que van protagonizar o espectáculo poético-musical “O meu gato é un poeta”, dirixido non só a nenos e nenas a partir de 4 anos, senón tamén a público adulto. Fran Alonso coa súa voz e Xurxo Souto co seu acordeón farán que a poesía se convirta en maxia, música e xogo.

Os versos malabaristas do gato poeta que inspirou o libro escrito por Fran Alonso e o disco composto e interpretado por Xurxo Souto, permitirán visitar o mar, coñecer o amor, adentrarse na noite, xogar coa lingua e ata ver como a poesía se converte nun globo. “O meu gato é un poeta”, editado por Xerais, pretende achegarlles a poesía aos lectores dun xeito lúdico e accesible.

Fusionando xéneros e recusos literarios, como poesía visual, xogos de palabras, caligramas, narración ou novas tecnoloxías, o espectáculo plantéxase a modo de obradoiro interactivo, resultando unha proposta fresca e divertida. Ademais dos textos e das seis pezas musicais que os acompañan en formato CD, “O meu gato é un poeta” tamén conta cunha páxina web á que os lectores se poden achegar para acceder a máis poemas e xogos, recitais e cuestionarios.

Fran Alonso (Vigo, 1963) é autor de varios libros de narrativa, poesía e literatura infantil e xuvenil, cos que conseguiu algúns galardóns. Colaborador de diversos medios de comunicación, creou tamén o blog Cabrafanada. Xurxo Souto (A Coruña, 1966) é un polifacético cantante, acordeonista, escritor e locutor. Destacado impulsor do rock bravú galego, formou parte da mítica banda Os Diplomáticos de Montealto e actualmente pertence ao grupo Os Tres Trebóns.