Festa de Entroido celebrada en LIBROS PARA SOÑAR (Vigo, febreiro 2010)

Dúas bravas corsarias están á fronte da nave pirata de LIBROS PARA SOÑAR nestes días de Entroido: Sandra e Carmela foron as anfitrionas da festa de disfraces celebrada na libraría infantil do Casco Vello vigués. Con elas, a sesión de animación lectora encheuse de pequenas flamencas e princesas, de espadachíns e vaqueiros. Tamén houbo un obradoiro de maquillaxe para que todos luciran a mellor caracterización acorde ao vestiario dun día tan especial.

Sesión de contos na festa de Entroido de LIBROS PARA SOÑAR (Vigo, febreiro de 2010)

Sandra, a corsaria de LIBROS PARA SOÑAR, cun dos monstros de Sendak e unha tigresiña que pasaba por alí (Sesión de contos na festa de Entroido de LIBROS PARA SOÑAR. Vigo, febreiro de 2010)

E con motivo do Día dos Namorados, algúns relatos incluidos no repertorio trataron sobre o amor: “Hilderita e Maximiliano”, de Fernando Krahn, editado por KALANDRAKA, e “Crocodilo namorado”, de Daniela Kulot, pertencente ao selo FAKTORÍA K, fixeron agromar os sorrisos dos cativos. A célebre historia da parella de xoaniñas que emprenden xuntas unha romántica viaxe, ou as estratexias de Crocodilo para chamar a atención de Xirafa foron os principais alicientes da sesión infantil.

Este vindeiro venres 19, a partir das 18:30 horas, LIBROS PARA SOÑAR recibirá o autor Toño Núñez, que vai presentar a súa obra máis recente: “Mago Goma”. Ademais, o próximo mércores día 24 a partir das 17:30 horas, celebrarase unha nova sesión de contos para bebés e nen@s ata tres anos, acompañados dos seus pais e nais. Esta actividade especial que ofrece LIBROS PARA SOÑAR ten unha duración aproximada de 30 minutos: baséase en contidos asequibles para os cativos, nos que prima o factor visual e a expresión corporal. Tamén se ofrecen consellos e pautas de actuación no ámbito familiar para rodealos dos materiais máis axeitados á súa idade.

Sesión de contos na festa de Entroido de LIBROS PARA SOÑAR (Vigo, febreiro de 2010)

Sesión de contos na festa de Entroido de LIBROS PARA SOÑAR (Vigo, febreiro de 2010)