Alberto Pita e Francisco Freire, presidente e vicepresidente de FANPA Pontevedra.

Escolares de primaria, secundaria e bacharelato pertencentes aos centros públicos da provincia de Pontevedra poden participar xa no II Certame de Relato Curto que organiza a Federación Provincial de ANPA de Centros Públicos de Pontevedra. A esta convocatoria tamén se poden presentar as persoas adultas que convivan con estes rapaces e rapazas, xa que un dos obxectivos desta iniciativa é “crear un espazo común e familiar para a creación literaria”, de xeito que os nenos e nenas animen a escribir aos maiores que, no caso dos escritores noveis, teñen neste concurso unha vía de expresión e difusión dos seus textos.

O prazo de entrega dos relatos finalizará o 28 de febreiro de 2014. Deberán ser obras orixinais e inéditas, escritas en galego e non premiadas noutros certames. Os textos, de temática libre, teñen que ter una extensión entre 200 e 300 palabras. O enderezo de correo electrónico para enviar os traballos é certame14@nontedurmas.org: nun arquivo denominado “datos” figurarán os datos da persoa participante; no denominado “relato” deberá constar a obra, o título, o pseudónimo do autor/a e a categoría.

A decisión do xurado darase a coñecer a finais de maio de 2014. Haberá un gañador en cada categoría: primaria, secundaria, bacharelato e adultos. Casa un recibirá un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka e una lámina autenticada polo ilustrador Pablo Otero, autor do cartaz do certame. Ademais tanto os gañadores como os finalistas (ata un máximo de 100) recibirán un libro colectivo cos seus relatos, producido por Kalandraka.

As bases completas pódense consultar na seguinte ligazón: "Bases do II Certame Relato Curto"

Á presentación do II Certame de Relato Curto asistiron o presidente e o vicepresidente da FANPA, Alberto Pita e Francisco Freire; o concelleiro de Xuventude de Pontevedra, Demetrio Gómez, que defendeu o ensino público e a existencia de espazos para a proxección da lingua galega; a deputada de Cultura da Deputación, Ana Isabel Vázquez, que destacou a necesidade de establecer vínculos entre a xente nova e a lectura; e Xosé Pérez, de Kalandraka. Tamén colaboran Diario de Pontevedra na publicación dos relatos dos catro gañadores, e Gadis.

Precisamente, as actividades de animación á lectura, de dinamización do galego e de estimulación da imaxinación a través da escrita e da plástica, ocupan boa parte da traxectoria da editorial. Entre esas mostras figuran campañas como o Cartafol do Lérez, que se realiza en colaboración co Concello de Pontevedra.

Presentación do II Certame de Relato Curto.