A Feira do Libro de Vigo acolleu esta semana un faladoiro sobre un dos libros máis vendidos, lidos e comentados dos últimos tempos: “Indignádevos!” (Faktoría K), de Stéphane Hessel, prologado por Manuel Rivas e traducido por Fernando Moreiras. O xermano-francés Stéphane Hessel, con 94 anos de peripecia vital ás súas costas, axitou a sociedade enteira cun breve manifesto, contundente e reivindicativo, no que fai un chamamento, especialmente dirixido á mocidade, para que se sacuda esa cotra de indiferenza que a asfixia, para que lle saque lustre as súas neuronas durmidas e actúe con rebeldía e imaxinación contra a realidade social, política e económica que nos atenaza.

Van xa catro edicións en galego desta obra oportuna e necesaria, que o profesor Antón Losada considera herdeira dos panfletos políticos, na liña do que Emmanuel Joseph Sièyes escribira en 1789 durante a revolución francesa sobre o Terceiro Estado. Máis de 200 anos despois, é un membro do Consello Nacional da Resistencia Francesa, torturado e condenado polo réxime nazi, e valioso contribuínte na redacción da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, quen nos alerta do recurte que está habendo nas conquistas sociais que tanto custou acadar antano.

Interviu no faladoiro Xosé Ballesteros, o editor de Faktoría K, que apostou pola publicación deste opúsculo nunha nova colección de crítica e pensamento, denominada Ágora K, que moi pronto vai sumar o seu segundo volume, ao fío deste exitoso primeiro título.

Tamén participou Fernando Moreiras; profesor da Universidade de Vigo, ten unha ampla experiencia volcando ao galego a obra de autores tan senlleiros como George Orwell (do que está a piques de reeditarse “1984”, que tamén entronca coa que nos ocupa), ou Philip Pullman, entre outros.

E seguiulle Manuel Martínez en representación de Attac Galicia. A Asociación para a Taxación das Transaccións Financeiras, xunto con Amnistía Internacional e a Federación Internacional de Dereitos Humanos é un dos colectivos citados por Hessel como exemplo de que “para ser eficaz, na actualidade, cómpre actuar en rede, aproveitar todos os medios de comunicación modernos”.