Os ángulos da brasa”, de Manuel Álvarez Torneiro, e a antoloxía de poetas vascos “Alén da fronteira” son os primeiros títulos da nova colección de poesía que publica Kalandraka no seu selo Faktoría K de Libros. A colección Tambo, que coordina o escritor e xornalista Luís Rei Núñez, interrompera a súa actividade en 2006 despois de máis de trinta entregas; nesta etapa actual abrirase a autores doutras linguas traducidos directamente para o galego. O próximo título será “Tríptico”, do catalán Antoni Marí.

 

 

O poemario de Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) -cunha ilustración de Fausto Isorna na portada- supón o seu reencontro cos lectores despois de “Parábola do incrédulo” (2006). Nestas 67 composicións, o autor reflexiona sobre a cotidianeidade, as emocións íntimas e a dimensión simbólica da palabra.

“Alén da fronteira” reúne textos de Luigi Anselmi, Bernardo Atxaga, Jon Gerediaga, Tere Irastortza, Xabier Lete, Xabier Montoia e Joseba Sarrionandia. Cada un presenta media ducia de poemas —en edición bilingüe éuscaro-galego traducidos por Isaac Xubín— que pretenden estimular o interese dos lectores por unha poesía insuficientemente divulgada máis aló de Euskadi. Cunha imaxe de Ángel Cerviño na capa, este volume está prologado por José Ángel Irigaray.