Mañá venres, ás 20:00 horas na Galería Dua2 de Vigo (Marqués de Valladares, 25), inaugúrase a exposición da artista plástica Belén Padrón. “La efigie del solitario” é o título desta mostra pictórica, que se poderá visitar ata o 30 de maio.

Belén Padrón (Oviedo, 1976) é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, na que acadou o Premio Extraordinario de Fin de Carreira. Actualmente reside en Lanzarote, onde compaxina a actividade docente co seu traballo artístico. Expuxo a súa obra en diversas cidades dentro e fóra de Galicia, onde están as súas raíces. Os seus cadros forma parte de numerosas coleccións públicas e privadas. Na súa faceta como ilustradora, realizou a proposta estética do libro “Rosalía de Castro, Escolma Poética”, editada na colección Trece Lúas do selo FAKTORÍA K. Entre outros, gañou un premio adquisición no II Premio Nacional de Pintura Fundación María José Jove no 2007, e o 1º Premio de Pintura Eixo Atlántico no 2000. Tamén recibiu a Beca Novos Valores da Deputación de Pontevedra, a Beca Talens de Barcelona, e Beca de Paisaxe do Balneario de Mondariz.