A campaña "Cantar e contar" despídese de Marín, da Granxa de Briz, do paxaro piador que habita exclusivamente nesta paraxe, das lendas que rodean a historia desta casa; despídese dos nenos, pero non cun ‘adeus', senón cun ‘deica pronto'...

...Porque contos como "A ratiña presumida", "As fabas máxicas", "A verdadeira historia de Carapuchiña" ou "Batalla de naipes" habitarán nos seus sonos cada noite. A sesión de clausura desta campaña foi unha festa de contos a ritmo dun clarinete desmontable, dun salterio milenario, dun pandeiro atronador. Mesturados entre grandes e cativos, o alcalde de Marín, Fran Veiga, a concelleira MariLuz Santiago e o ilustrador Marc Taeger, que nos agasallou cunha Carapuchiña e un Lobo Feroz... de tiza!!!

A seguinte cita cos contos, a música, a literatura, a arte, a tradición, a oralidade e o folclore infantil... no Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol, do 20 de outubro ao 5 de novembro.