Trátase dunha metodoloxía innovadora en Galicia para solventar conflictos mediante a aplicación de técnicas de participación social baseadas na dramaturxia

LIBROS PARA SOÑAR acollerá este mes de marzo un curso de iniciación ao teatro-foro que vai impartir o colectivo galego de educación e participación socioambiental Feitoría Verde. Trátase dunha metodoloxía innovadora e de recente implantación en Galicia, indicada para a resolución de conflictos nas aulas dos centros de ensino, problemáticas asociadas ao funcionamento interno das asociacións, situacións de violencia ou de desvantaxe social, conflictos de xénero, problemas laborais ou accións de promoción do consumo responsable. As sesións, que son abertas á participación do público en xeral, celebraranse do 14 ao 17 de marzo en horario de 17:00 a 20:00 horas.

As sesións de teatro-foro comezan cunha representación teatral de 10 a 15 minutos de duración na que se expón un problema persoal ou social que lle afecta á poboación en xeral. Na representación participan, como mínimo, un personaxe opresor e outro oprimido, cun desenlace brusco e desfavorable do acto. Ao remate da obra, o público espectador que forma parte do foro convértese en “espectactores e espectactrices”: comentan as situacións coas que se senten identificados, propoñen fórmulas para solucionar o conflicto, e acaban sustituindo os actores no escenario, actuando conforme a un esquema improvisado, e en función de como cren que debera transcorrer a acción.

DIÁLOGO E EMPATÍA

O diálogo é a ferramenta esencial para “verbalizar o problema, argumentar e contraargumentar na procura de diferentes puntos de vista”, explica Noa Estévez, de Feitoría Verde. Buscando a “empatía” co foro, a dramaturxia emprégase como recurso alternativo para abordar problemáticas sociais e individuais. Deste xeito, “a obra é bidireccional, non unidireccional”, engade Noa Estévez.

Os asistentes ao curso participarán na creación dunha obra de teatro-foro na que se tratarán varias temáticas de actualidade social. A sesión inicial servirá para exteriorizar os motivos de “opresión interior” que atenazan a liberdade de cada un dos participantes. A partir de aí, mediante diversas dinámicas e xogos, iranse construindo as representacións de teatro, que se completarán coa intervención do foro.

O teatro-foro -coñecido tamén como “teatro do oprimido”- xurdiu en Brasil da man do autor e dramaturgo Augusto Boal (Río de Xaneiro, 1931-2009), que o concebiu como método pedagóxico e de coñecemento para a transformación da realidade social. Boal foi nominado ao Premio Nobel da Paz en 2008 e, ao ano seguinte, foi nomeado Embaixador Mundial do Teatro pola Unesco.

As inscricións para o curso de iniciación ao teatro-toro pódense formalizar en LIBROS PARA SOÑAR por teléfono, no número 986 433 768, ou por correo electrónico, no enderezo lps@kalandraka.com. O prezo da matrícula é de 45 euros.