Do 5 ao 8 de setembro celebraranse en Santiago de Compostela as ponencias programadas na parte presencial do VIII Curso de Formación Continua “As literaturas infantís e xuvenís ibéricas: a súa influencia na formación lectora. O álbum ilustrado”. Baixo a dirección da profesora Blanca-Ana Roig, estas xornadas están organizadas polo departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago e pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. No programa figuran autores e ilustradores que comentarán a súa experiencia literaria e artística na creación de libros editados por KALANDRAKA: Chema Heras e Rosa Osuna comentarán “Avós”; haberá un encontro con Gémeo Luís e João Pedro Mésseder, autores de “O tempo voa”; o ilustrador Miguel Calatayud impartirá unha conferencia titulada “A imaxe do texto: códigos e observacións”; tamén participará Paula Carballeira para falar de “Mateo”; e o equipo de animación á lectura de KALANDRAKA ofrecerá unha sesión de contos e música.

O obxectivo deste curso, cunha carga lectiva de 60 horas, é “formar e informar o alumnado participante dunha temática, as Literaturas Infantís e Xuvenís dos ámbitos lingüísticos ibéricos, xeralmente excluída dos planos de estudo das licenciaturas e diplomaturas e, con todo, dunha transcendencia fundamental en ámbitos básicos como a formación lectora e a expresión escrita no mundo das Tecnoloxías da Información e Comunicación”. Tamén contemplará “analizar estas literaturas dende un enfoque comparativo para dar a coñecer que axentes literarios se presentan máis débiles en cada ámbito lingüístico”. As sesións celebraranse na Biblioteca de Novacaixagalicia, na rúa Frei Rosendo Salvado.

O luns día 5 a partir das 12:00 horas, o escritor Chema Heras e a ilustradora Rosa Osuna, presentados por Blanca-Ana Roig, comentarán o proceso creativo de “Avós”, un álbum galardoado co Premio Llibreter, seleccionado polo Banco do Libro de Venezuela entre “Os Mellores Libros para Nenos e Mozos”, incluido nos plans nacionais de lectura de México e Portugal, e traducido a linguas como brasileiro, chinés e xaponés. É no país nipón onde a súa publicación tivo un grande eco, ao tratarse dunha obra recomendada non para lectores infantís, senón público adulto.

Posteriormente, a partir das 16:30 horas, a investigadora Carmen Ferreira Boo fará un relatorio titulado “A modernización do álbum”, sobre a traxectoria de Kalandraka Editora e o selo Faktoría K. Seguiranlle ás 19:00 horas o escritor João Pedro Mésseder e o ilustrador Gémeo Luís, que recibiron unha mención especial no I Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado coa obra “O tempo voa”: versos inxeniosos que se complementan coa imaxe de laboriosas siluetas de papel representando insólitos reloxos. Presentaraos a profesora Sara Reis da Silva, da Universidade do Minho.

Tamén haberá oportunidade para escoitar, o mércores día 7 a partir das 10:00 horas, o informe dos investigadores da rede de estudos sobre Literatura Infantil e Xuvenil sobre entidades como o Etxepare Euskal Institutua (Etxepare Instituto Vasco), que promove o Premio Etxepare de álbum ilustrado en euskera, que publica a editorial Pamiela e coa que colaborou FAKTORÍA K na tradución desas obras ao galego e ao castelán.

Destaca a ponencia do artista plástico Miguel Calatayud, presentado pola profesora da USC María Jesús Agra. Co lema “A imaxe do texto: códigos e observacións”, Calatayud falará das claves da súa obra, entre a que figuran títulos como “Libro das M'Alicias”, “Al pie de la letra” ou “Kembo”, editados por KALANDRAKA. Sobre a súa extensa e galardoada traxectoria (Premio Nacional de Ilustración en 1989, 1991 e 2009, e candidato en 2000 ao premio internacional Hans Christian Andersen, entre outros galardóns) realizouse no Museo Valenciano da Ilustración e da Modernidade (MuVIM) unha completa exposición retrospectiva, da que KALANDRAKA editou tamén un catálogo titulado “Miguel Calatayud: Ilustraciones 1970/2010”.

Posteriormente, a partir das 18:30 horas, o equipo de animación á lectura de KALANDRAKA ofrecerá unha sesión de contos e música, facendo un percorrido por algunhas obras do catálogo, dende os materiais para pre-lectores e primeiros lectores, ata os contos clásicos e os libros de autor, pasando pola recuperación de títulos emblemáticos da LIX de todos os tempos.

No derradeiro día das xornadas, o xoves 8, a profesora e crítica de LIX Marta Neira vai presentar a escritora, narradora e actriz galega Paula Carballeira, que fará unha demostración sobre “Como contar un álbum propio”, a partir do libro titulado “Mateo”, ilustrado por Pablo Otero.

 

MÁIS INFORMACIÓN sobre o curso, nas páxinas web da AELG e da USC.