"Contos por teléfono", de Gianni Rodari, traducido por Carlos Acevedo e con ilustracións de Pablo Otero.

O libro “Contos por teléfono”, de Gianni Rodari, traducido ao galego por Carlos Acevedo e publicado por KALANDRAKA, foi seleccionado para formar parte da Lista de Honra 2014 da Organización Internacional do Libro Xuvenil (International Board on Books for Young People, IBBY) na categoría de tradución. A presentación do catálogo -que recolle un centenar de obras de todo o mundo- celebrarase o 12 de setembro en Cidade de México, con motivo do 34º Congreso Internacional da IBBY.

Distribuiranse 2.000 exemplares desa publicación en inglés non só aos participantes do Congreso, senón en posteriores actividades da IBBY en países como Xapón, Rusia, Estados Unidos e Italia, no transcurso da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña en 2015. Ademais, o catálogo depositarase na Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich e noutros organismos vencellados á literatura infantil e xuvenil en Rusia, Xapón, Estados Unidos, Eslovaquia e Suíza, onde a IBBY ten a súa sede central.

A Lista de Honra da IBBY é unha selección bienal de libros propostos nas categorías de escritores, ilustradores e tradutores. Segundo a IBBY, estes libros “representan o mellor da literatura infantil de cada país”. Formar parte desa prestixiosa escolma redunda nunha maior divulgación e coñecemento das obras distinguidas por parte de editores doutros países, xa que a organización recomenda a súa publicación en todo o mundo.

Varios libros do catálogo de KALANDRAKA figuran en anteriores edicións da Lista de Honra da IBBY: na relación de 2011 as seleccionadas foron “Kembo” polas ilustracións de Miguel Calatayud, e a tradución ao éuscaro da obra “Que bonito é Panamá!” de Janosch, realizada por Ainhoa Irazustabarrena. Antes destes, tamén foran elixidos “Pepito, el habitador de los tejados” polo texto do galego Manuel Janeiro, na categoría de autor, e “29 historias disparatadas” pola tradución de Susana Fernández e Franck Meyer.

“Contos por teléfono” é un libro maxistral que consta de 70 relatos breves que combinan a intriga, a ledicia, a reivindicación da paz e a reflexión; un clásico incuestionable da literatura infantil e xuvenil que destaca polo sentido do humor, a imaxinación e o surrealismo das historias. O italiano Gianni Rodari (1920-1980) foi un dos principais renovadores da LIX; político, xornalista, pedagogo e escritor. Entre os galardóns que recibiu ao longo da súa traxectoria sobresae o Premio Andersen en 1970. É un dos autores destacados do catálogo dos Libros para Soñar de KALANDRAKA, do que tamén se publicaron a “Gramática da fantasía” e os álbums “Confundindo historias”, “Inventando números” e “Que fai falta?”.

Polas ilustracións do artista plástico galego Pablo Otero, “Contos por teléfono” xa fora galardoado co Premio Isaac Díaz Pardo 2011, concedido pola Asociación Galega de Editores.