O libro “Contos por teléfono”, publicado por KALANDRAKA, é un dos candidatos da Organización Española do Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI) a formar parte da próxima Lista de Honra da Organización Internacional do Libro Xuvenil (IBBY, nas súas siglas en inglés) na modalidade de tradución, polo traballo de Carlos Acevedo, un dos fundadores da axencia de tradución Rosetta. “Contos por teléfono”, de Gianni Rodari, xa fora galardoado co Premio Isaac Díaz Pardo 2011, concedido pola Asociación Galega de Editores, polas ilustracións do artista plástico galego Pablo Otero.

A Lista de Honra da IBBY é unha selección bienal de libros propostos nas categorías de escritores, ilustradores e tradutores. Formar parte desa escolma redunda nunha maior divulgación e coñecemento das obras distinguidas por parte de editores doutros países, xa que os títulos incluídos forman parte dunha publicación que se distribúe por todo o mundo e tamén se expoñen nas principais feiras internacionais, como as de Boloña e Frankfurt.

Varios libros do catálogo de Kalandraka figuran nas Listas de Honra da IBBY de edicións anteriores: na relación de 2011 os seleccionados foron “Kembo - Incidente en la pista del circo Medrano” polas ilustracións de Miguel Calatayud, e a tradución ao éuscaro da obra “Que bonito é Panamá!” de Janosch, realizada por Ainhoa Irazustabarrena co título “Zein polita den Panama!”. Antes destes, tamén foran elixidos “Pepito, el habitador de los tejados” polo texto do galego Manuel Janeiro, na categoría de autor, e “29 historias disparatadas” pola tradución de Susana Fernández e Franck Meyer.

Ademais, a edición de “Fálame” en italiano (“È non è”), de Marco Berrettoni e Chiara Carrer, que trata sobre o autismo, foi escollida para formar parte da lista de “Libros Destacados para Xóvenes con Discapacidade 2013”, que publica o Centro de Documentación IBBY.

“Contos por teléfono” é un libro maxistral que consta de 70 relatos breves que combinan a intriga, a ledicia, a reivindicación da paz e a reflexión; un clásico incuestionable da Literatura Infantil e Xuvenil que destaca polo seu sentido do humor, o xogo de palabras, a imaxinación e o surrealismo das historias. O italiano Gianni Rodari (1920-1980) foi un dos principais renovadores da LIX; político, xornalista, pedagogo e escritor. Entre os galardóns que recibiu ao longo da súa traxectoria sobresae o Premio Andersen en 1970. É un dos autores destacados do catálogo dos Libros para Soñar de KALANDRAKA, do que tamén se publicaron a “Gramática da fantasía” e os álbums “Confundindo historias”, “Inventando números” e “Que fai falta?”.