CONCLUSIÓNS DA CAMPAÑA 'O CARTAFOL DO LÉREZ'
Na cabeceira presenta unha escolma de textos baseados nas historias do libro "Contos por teléfono", unha das obras mestras do mestre e pedagogo italiano Gianni Rodari. Tamén destacan os relatos inspirados no álbum "Cans de ribeira", de Katja Gehrmann, que reflicten a sensibilidade infantil pola situación dos animais abandonados. Nesa liña de compromiso social e ambiental, as coplas do libro-disco "Solaina", do grupo Na Virada, son o exemplo do que partiron os nenos e nenas para crear as súas propias rimas reivindicativas.
No bosque onde transcorren as aventuras dos protagonistas do clásico "As clases de tuba" suceden tamén outras andanzas das que é partícipe a fauna silvestre. Do obradoiro de titulares de prensa xurdiron novas do máis abraiante, imposibles de publicarse nun xornal convencional. As pezas incluidas no libro "Descubrir a arte", no que se describen obxectos artísticos procedentes de distintos países, dende as máscaras indíxenas de Latinoamérica, ata os rolos africanos, pasando polas antiquísimas esculturas da civilización greco-latina ou as elegantes pinturas orientais, tamén depararon interesantes historias coas que viaxar por todo o mundo e a través do tempo. Describir animais imaxinarios xogando coas letras do alfabeto é outra das posibilidades de lectura, do Cartafol do Lérez, onde tampouco faltan os pasatempos, relacionados -sun xeito lúdico e didáctico- co libro "Todas as respostas ás preguntas que nunca te fixeches".
Outra das seccións máis salientables desta publicación está adicada á presentación das bibliotecas escolares dos diferentes centros. E para rematar, unhas suxerencias de lectura, e unha entrevista protagonizada, nesta ocasión, pola Asociación Vaipolorío, en recoñecemento ao seu labor de recuperación ambiental e de conservación do Río dos Gafos.
...Ameno e diverso nos seus contidos: o número 0 impactaba pola orixinalidade dos textos que teorizaban sobre unha hipotética fuga de cores que tinguían as prazas, os xardíns e os edificios da cidade. O número 1 volvía sorprender ao poñer en valor elementos do patrimonio arquitectónico e cultural, convertidos en figuras de vocación literaria. Cunha proposta máis audaz e divertida saía do prelo o número 2, no que os obxectos cotiás se convertían en curiosas especies dunha fauna urbana tan viva como revoltosa. O número 3 asomábase aos fondos artísticos do Museo de Pontevedra, reinterpretando o significado da obra de artistas plásticos de tanto renome como Maside, Novoa ou Castelao.
Ás páxinas d'O Cartafol do Lérez asomáronse escritores, ilustradores e intérpretes relacionados cos libros nos que se basean as propostas de escrita nas que traballaron os escolares dos centros educativos que participaron na campaña: Chema Heras, autor de "Avós", compartiu a súa experiencia no proceso de creación literaria desta obra tan importante no catálogo de Kalandraka; o ilustrador Xosé Cobas, unha das figuras máis relevantes do actual panorama artístico en Galicia, repasou a súa traxectoria profesional; o músico Francisco Peña explicou como naceron as coplas sociais que forman parte do repertorio do grupo Na Virada.
Os ríos de tinta verquidos n'O Cartafol do Lérez son o resultado de ducias de horas de traballo colectivo e entusiasta nas bibliotecas escolares, reivindicadas como espazo de máxima prioridade na actividade dos centros educativos: non só para o préstamo de libros e a lectura individual ou colectiva, senón tamén como polo dinamizador da actividade académica. Bebendo das fontes da tradición oral -refráns, lendas, cantigas...- en hábil complemento cunha serie de libros tanto de ficción como de enfoque didáctico, os obradoiros nos que participaron os escolares tiñan como obxectivo estimular a súa imaxinación, ao tempo que se fomentaba a expresión oral e escrita en galego.
Todos os centros tiveron unha presenza equilibrada, recolléronse case ao completo as creacións do alumnado que posteriormente se clasificaron para dar o salto á versión impresa e á versión dixital na web www.ocartafoldolerez.org. Só cabe agradecer ao profesorado a súa implicación nas actividades e parabenizar o alumnado polas súa brillante participación. O Cartafol do Lérez, unha iniciativa da Concellería de Educación do Concello de Pontevedra coordinada por Kalandraka, consolidouse neste tempo como unha contribución proveitosa e enriquecedora para toda a comunidade educativa da cidade, un referente na integración de contidos e obxectivos curriculares, e nunha experiencia moi gratificante.
Relación de centros educativos participantes na campaña: CEP Marcos da Portela - CEIP Vilaverde - CEIP San Martiño - CEIP Marcón - CEIP Vidal Portela - CEIP Lérez - CEIP Froebel - CEIP de Xeve - CEIP Cabanas - CEIP Álvarez Limeses.
Web d'O Cartafol do Lérez: www.ocartafoldolerez.org