CON BERNARDO ATXAGA EN PONTEVEDRA
A “Negra sombra” de Rosalía de Castro, a lírica inspiradora de Celso Emilio Ferreiro en “Onde o mundo se chama Celanova”... Foron os primeiros referentes da literatura galega para Bernardo Atxaga. Sobre estes e outros alicerces das nosas letras construíu o escritor vasco un imaxinario propio que quixo compartir cos lectores, con motivo do seu nomeamento en Pontevedra como Escritor Galego Universal pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG).
“La piedra rayada que tengo en mente es una piedra redondeada, acorazonada y tiene en su dorso un asterisco, unas estrellas, y hay pequeños granos... Es una piedra diferente de las demás, que se sale de la serie. Y eso obliga a una parada, la parada del asombro, que es el comienzo de casi todo”.
["Reaccións ante unha pedra riscada", lema da conferencia de Bernardo Atxaga no Pazo de Mugartegui, en Pontevedra]
Con Bernardo Atxaga aprendemos que hai maneiras contrapostas de abordar esa reacción ante o descoñecido: indagando no saber popular para descubrir con asombro que se trata dunha pedra "golpeada polo raio", como lle dirían os labregos da súa vila. Velaí a vía poético-imaxinativa, fronte a vía lóxico-matemática que afonda no enfoque científico.
Atxaga xustificou o seu compromiso co relato poético e coa ficción. E ao longo do seu discurso fluían os nomes de Galileo Galilei, Servet, Rousseau, Gilgamesh...
Con el afondamos tamén nas vantaxes de sermos militantes da senda poético-imaxinativa: tranformando palabras e adquirindo coñecemento. Como exemplo, a palabra “pánico”, cuxa orixe está no semideus grego Pan, que infundía medos e temores nos bosques.
“Esa vía que parecía poco atractiva, que ayudaba poco al conocimiento frente a la lógico-matemática, se adentra en terrenos infinitos y sirve de consuelo”.
Porque Atxaga transita pola paisaxe infinita da conciencia. Ou, como dixo na presentación do escritor vasco o crítico Ramón Nicolás, que traduciu ao galego “Obabakoak” e “Sete casas en Francia”, Atxaga “prioriza a claridade, a exposición desposuída de requintados abalorios, potencia e espreme até o máximo a contundencia e a claridade na comunicación. Algo non enfrontado, xaora, coa procura dunha linguaxe literaria”.
E máis aínda -continúa Nicolás- o autor vasco “remexe nos fondos desa fonte que é a memoria e faino de maneira que sempre é doado facerse preguntas, cuestionarse, inquirirse sobre aspectos que rodean, como non, a propia condición humana”.
GALA DAS LETRAS da AELG:
Nomeamento de Bernardo Atxaga como Escritor Galego Universal.