Unha vintena de mestres dos centros educativos de Ferrol asistiron á presentación da campaña "Cantar e contar" que ata o 5 de novembro se vai desenvolver no Centro Cultural Carvalho Calero da cidade.

É a segunda parada dun programa de actividades que KALANDRAKA elaborou para a Secretaría Xeral de Política Lingüística co obxectivo de fomentar o uso do galego na poboación infantil.

Os docentes tamén fixeron unha visita guiada pola exposición de ilustracións que asinan o ferrolterrán Francisco Pérez Porto, cunha serie de cerámicas elaboradas para o libro disco "Solaina"; a pontevedresa Alicia Suárez para "A ratiña presumida"; o vigués Federico Fernández -Premio Nacional de Ilustración 2001- para "Chibos chibóns"; o ilustrador suizo Marc Taeger, afincado en Galicia, para "A verdadeira historia de Carapuchiña"; e como invitados, o extremeño Miguel Tanco, o catalán Josep Rodés e o valenciano Pablo Auladell para "Os tres osos", "Batalla de naipes" e "A casiña de chocolate", respectivamente.

Os rapaces e rapazas ferroláns iniciarán a partir de mañá a súa participación nas sesións de contos e música tradicional pensadas para alumnos de catro a oito anos, mentres que os de nove a once traballarán nas sesións de escrita creativa. A partir da demostración realizada por Ana Abelenda e Pablo Díaz na sesión de apertura, os mestres xa contan con ferramentas educativas que levar á práctica durante o curso escolar a partir dos contos tradicionais: os tamaños, os números, o fogar, a familia... temas que, sumados á bagaxe que adquiren os nenos e nenas en materia de educación musical, fan de "Cantar e contar" un conxunto de actividades proveitosas para a formación dos máis cativos, para arraigar neles o folclore infantil galego, e para inculcarlles o gusto pola lectura e pola arte.