http://issuu.com/kalandraka.com/docs/club_de_lectura_2_trz?e=0/12134915

O selo editorial FAKTORÍA K DE LIBROS vén de lanzar a primeira entrega do seu boletín informativo, Club de lectura. Pódese ler en formato impreso, nunha publicación de 8 páxinas, ou en versión dixital na páxina web de KALANDRAKA e mais no BLOG K.

Club de lectura xorde nun momento no que, como expón o seu editorial, a lingua galega está “condenada a desaparecer” se deixa de falarse. Un aliciente para seguir estimulando a saúde do noso idioma é o enorme caudal de grandes obras da literatura universal que hai editadas en galego, dispoñibles nas bibliotecas do país, “verdadeiros espazos de culto, porque nelas mora permanentemente a cultura”. A colección Narrativa K, que neste ano sumará 25 títulos, contribúe facer máis vizoso o noso sistema literario, a enriquecer as posibilidades para que os lectores e os usuarios das bibliotecas públicas ou escolares teñan un punto de encontro ao abeiro dos libros.

Este Club de Lectura bota luz sobre a obra e a figura de escritores como George Orwell ou Cormac McCarthy, Bernardo Atxaga ou Milena Agus; afonda na traxectoria de John Boyne a través das palabras do propio autor; e comparte as impresións do público sobre un dos best-séller de Eric-Emmanuel Schmitt.

Ademais, conta coas colaboracións do escritor Agustín Fernández Paz, do tradutor Carlos Acevedo, do crítico Ramón Nicolás e da profesora Gracia Santorum, que conta a súa experiencia como dinamizadora cultural e mediadora en diversos clubs de lectura.

Como xanelas abertas ao mundo, as páxinas deste boletín chegan agora aos centros de ensino, e ás librarías para informar, sensiblizar e comprometer os seus destinatarios, os lectores, no coidado do nos patrimonio oral e escrito. Está aberto aos comentarios, dúbidas e suxestións dos receptores, que poden contactar no correo clubdelectura@faktoriakdelibros.com

- Dispoñible en formato PDF