Charla de Federico Delicado.

O ilustrador Federico Delicado, que gañou o VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado coa obra titulada “Ícaro”, vai impartir este xoves día 9 unha charla co lema “O voo do debuxante”. A sesión, dirixida especialmente a educadores pero aberta tamén ao público en xeral, realizarase a partir das 18:30 horas na Galería Sargadelos, no marco da XV Campaña Municipal de Animación á Lectura que organizan o Departamento de Educación e KALANDRAKA.

Federico Delicado é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. En 1970 iniciou a súa traxectoria profesional elaborando materiais audiovisuais e traballos para prensa. Participou en exposicións de pintura e de escultura. Nos últimos anos publicou numerosos libros para público infantil e xuvenil.

“Ícaro” é un traballo complexo, moi elaborado e cun fondo significado, que trata sobre a liberdade, a diferenza e a esperanza. Vai máis aló do que inicialmente aparenta ser a historia dun neno que chega a un centro de acollida, para facer partícipes os lectores doutra realidade allea aos convencionalismos, na que o protagonista é un ser que vai contracorrente, ante a incomprensión da sociedade. Neste encontro cos docentes, Federico Delicado achegaralles a súa visión da ilustración como ferramenta para estimular a creatividade.

A obra gañadora do VII Premio Internacional Compostela protagoniza a exposición de ilustracións que ocupa a Galería Sargadelos ata o vindeiro 9 de maio. Neste ambiente artístico teñen lugar as sesións de contacontos e música para escolares de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria que ofrece o equipo de animación á lectura de KALANDRAKA.

Ademais, “Ícaro” vén de ser a imaxe coa que KALANDRAKA participou recentemente na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, nun stand decorado con ilustracións de Federido Delicado.