“...Deixounos, amais dun percorrido vital apaixonante, un marabilloso herdo literario do que debemos sentirnos orgullosos. Son da idea que a mellor homenaxe é lelo e relelo. Lelo quen non o coñeza; relelo porque sempre se redescobren ángulos e visións sorprendentes”.

O profesor e crítico literario Ramón Nicolás, no seu blog Caderno da crítica, dá conta dos 100 anos que hoxe se cumpren do nacemento do escritor Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912- Vigo, 1979). Ao longo deste ano sucederanse numerosos actos conmemorativos, reedicións e traducións da súa obra, biografías e antoloxías, recitais e congresos para repasar a súa traxectoria vital e intelectual. No catálogo de FAKTORÍA K atópanse dous títulos vencellados a esta figura senlleira da historia e das letras galegas: “Celso Emilio Ferreiro”, unha edición literaria de Ramón Nicolás ilustrada por Baldo Ramos, na colección Trece Lúas; e a novela “La frontera infinita”, traducida ao castelán polo propio Ferreiro a partir do texto orixinal en galego.

("CELSO EMILIO FERREIRO, ESCOLMA POÉTICA", edición literaria de Ramón Nicolás con ilustracións de Baldo Ramos. Colección Trece Lúas. FAKTORÍA K, 2008).

("LA FRONTERA INFINITA", de Celso Emilio Ferreiro. Deseño de Marc Taeger. Colección Narrativa K. FAKTORÍA K, 2007).

A continuación, unha semblanza trazada por Ramón Nicolás sobre o autor de libros tan emblemáticos como “O soño sulagado”, “Longa noite de pedra” ou “Viaxe ao país dos ananos”.

A vida de Celso Emilio é tan apaixonante e intensa como a súa obra literaria. A súa biografía traza unha enorme circunferencia, o seu alfa e omega como dicían os clásicos, entre Celanova, no ano 1912 cando nace, e de novo Celanova, onde é enterrado en 1979.

Ese principio e fin, esa volta ao retorno que en parte explica a súa obra literaria detense bastantes anos onde naceu pois alí se forma intelectualmente e como persoa, pasando tempadas na casa familiar de Acevedo do Río, estudando no colexio dos Escolapios, xogando ao fútbol, enredando cos seus amigos, escribindo os seus primeiros poemas e participando activamente cando mozo, na política do seu tempo.

No 1936 estoupa a guerra civil e foi obrigado a se incorporar ao exército franquista, condenado a morte e despois indultado. Foi destinado a Oviedo onde coñeceu a Moraima quen, pouco despois, se convertería na súa esposa e con quen compartiría catro fillos. A continuación viñeron os duros anos da posguerra: vivirá en Pontevedra, onde fundará a colección de poesía Benito Soto e, logo, en Vigo sendo procurador en cortes, rexentará un negocio de fotogravados e unha oficina de seguros, mais sempre escribindo.

Nestes anos é cando publica dous dos seus mellores libros: O soño sulagado e Longa noite de pedra. Foi perseguido polas autoridades do réxime de Franco, exiliouse a Venezuela, onde vivirá de 1966 a 1973: alí seguirá escribindo e sufrirá unha terrible desilusión ao coñecer a realidade de certa emigración galega naquel país, como deixou reflectido en Viaxe ao País dos Ananos. Finalmente decide retornar e, ao non atopar traballo en Galicia, vivirá en Madrid onde será redactor dunha revista, dirixirá o Ateneo madrileño, publicará o seu último libro -Onde o mundo se chama Celanova- e colaborará habitualmente como xornalista ata a súa morte, aínda que esta vaino sorprender na súa casa de Vigo, mentres pasaba as súas vacacións. A obra literaria de Celso Emilio, supón unha das voces máis orixinais e importantes da creación artística en galego do século XX.

(Ramón Nicolás, en “Celso Emilio Ferreiro, escolma poética”. FAKTORÍA K DE LIBROS, 2008).