A Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago foi a gañadora do Premio Santiagosiete na categoría de mellor iniciativa pública do 2009. A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, recolleu o galardón nun acto celebrado no Teatro Principal da cidade compostelá. A Campaña de Animación á Lectura na que colabora KALANDRAKA e que celebra este ano a súa décima edición, comezará este próximo 6 de abril co fallo do III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado e a partir do día 7 ofrecerá sesións de contacontos, obradoiros de ilustración e de escrita creativa, actividades formativas para docentes, encontros nas escolas infantís, chaslas para familias e exposicións de arte.

Das doce categorías destes premios que concede o xornal gratuito Santiagosiete, a candidatura da Campaña de Animación á Lectura foi a que máis adhesións captou por parte do público. A actividade promovida polo Departamento de Educación e por KALANDRAKA logrou máis do 51% das adhesións. Nesta terceira edición dos premios rexistráronse máis de 4.300 votos, que apostaron por unha iniciativa que en 2009 chegou a máis de 5.200 escolares de 32 centros escolares de Santiago e da bisbarra.