Había unha vez un paraugas amarelo nunha fábrica de paraugas negros. A quen lle iría gustar un paraugas desa cor? Había unha vez un papá, unha mamá e un neno aos que lles gustaba moito o circo. Gústanche máis os pallasos, os equilibristas, os domadores? Había unha vez un mago que era feliz facendo felices aos nenos e nenas. Que aspecto tiña o Mago Goma? Había unha vez un pequeno elefante grisazulado que vivía na sabana. Sabes o que lle pasou por gustarlle unha tea de cadros? Había unha vez un pobo que crecía, e crecía, con máis e máis casas. Con que lle gustaba bailar á nena protagonista desta historia? Patricia e Nébeda póñenlle voz e música a estes relatos na Galería Sargadelos de Santiago, no marco da XI Campaña de Animación á Lectura: escoitar a narración, contemplar as ilustracións, participar imaxinando posibles finais para estes contos... Os nenos e nenas da Escola Infantil Cativos, de Vedra, do CEIP Lamas de Abade, e da EEI de Sabaxáns foron os protagonistas desta experiencia tan enriquecedora a carón dos libros e da lectura.

* Nenos e nenas da Escola Infantil Cativos, de Vedra.

*Escolares de 1º curso de Primaria do CEIP Lamas de Abade, de Santiago.

*Alumnado da E.E.I. de Sabaxáns.