KALANDRAKA vén de publicar o álbum ilustrado titulado “Na punta do pé”, que incorpora un CD con doce temas musicais do folclore tradicional galego, portugués e mirandés, e mais un DVD con demostracións prácticas dos bailes que corresponden a cada peza. O artista plástico portugués João Vaz de Carvalho realizou as ilustracións do libro, no que participa o grupo musical Pesdelán. A biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago acolleu un concerto de presentación ao que asistiu moito público familiar.

 

Xan Pampín no acordeón, Carlos Freire na batería, Amando Gottardi no baixo, Miguel Flores na guitarra e a voz de Uxía Cribeiro interpretaron algunhas das composicións de “Na punta do pé”, como “O xogo da carrasquiña”, “A caminho de Viseu” ou “A pulga na palla”, mentres Mercedes Prieto e Montse Rivera indicaban a cativos e adultos os pasos de cada baile e os xogos asociados a cada un.

A proposta de Pesdelán consiste precisamente en combinar a música en vivo coa aprendizaxe de bailes sinxelos, sustituindo a idea do público espectador e pasivo por un público activo e participativo, dun xeito lúdico. Este concepto plásmase nas súas actuacións en directo e no propio libro, que inclúe as letras das cancións, partituras, un glosario de termos, descricións das danzas e explicacións sobre a orixe das pezas, que se sitúa en Galicia, Portugal e mesmo Brasil. 

Este traballo editorial de KALANDRAKA, que tamén está publicado en portugués co título “Pezinhos de lã”, diríxese a público de todas as idades. Ademais, polas súas cualidades didácticas, está enfocado igualmente para a súa aplicación en aulas de baile tradicional e de educación musical, xa que contén ritmos variados como valse, muiñeira ou pasodobre. 

Nesta obra colaboran profesores como Susa Herrera, a cantante Guadi Galego e numerosos músicos e bailaríns. Trala súa presentación en Santiago, “Na punta do pé” presentarase o próximo 7 de xaneiro na FNAC da Coruña.