Custa despedirse dun bo escritor. Coa perda de Antonio Lozano, o mundo da literatura botará en falta un autor que, ao seu talento creativo, a súa habilidade para enlazar palabras, unía a capacidade para desenvolver historias que atrapaban o interese dos lectores mozos cun estilo evocador das emocións alleas que se volvían propias, con mensaxes que xerminaban na conciencia, con relatos auténticos e verdadeiros tocados polo pulso da actualidade.

Pero custa moito máis despedirse dunha gran persoa, humilde, íntegra e xenerosa. Antonio Lozano foi un exemplo de activismo cultural, de compromiso social cos débiles. Dende a súa inquebrantable ética persoal, dedicou a súa vida a construír un mundo mellor a través da escrita. Concebía a literatura como un dos ingredientes necesarios para contribuír a “espertar o espírito crítico” da sociedade.

A defensa de todas as liberdades, a solidariedade e a irmandade entre pobos e culturas diferentes, a dignidade e a igualdade de todos os seres humanos eran os seus sinais de identidade, fronte a un sistema económico e político inxusto que combatía sen máis armas que o seu exemplo vital e os seus libros.

Na nosa lingua podemos ler “Eu son Suleimán” e “Nelson Mandela. O camiño cara á liberdade”, traducidos respectivamente por Carlos Acevedo e Ramón Nicolás.

Grazas, Antonio!