Galicia celebra o Día das Letras Galegas. Letras sen fronteiras que tamén se festexan en Bos Aires, en Oxford ou en Nova York. A figura do poeta Lois Pereiro é a protagonista dunha xornada de exaltación da fala e da literatura que en KALANDRAKA se enxalza o ano enteiro: editando libros, contribuindo á normalización lingüística coa recuperación e tradución de obras senlleiras, asistindo ás principais feiras internacionais do sector, impulsando actividades de animación á lectura...

Nos últimos días KALANDRAKA apoiou iniciativas lectoras en Ourense e Marín, ás que se suma a presentación de "O meu gato é un poeta", poemas de Fran Alonso con música de Xurxo Souto (Xerais), en LIBROS PARA SOÑAR.

O escritor e profesor Toño Núñez mantivo un encontro con nenos e nenas, organizado pola libraría Zampacontos, de Ourense. Ademais de presentarlles ao excéntrico e entrañable "Mago Goma" ilustrado por Adrià Fruitós, o autor lucense propúxolles divertidos xogos de palabras: palabras encadeadas, palíndromos e palabras preñadas, que teñen dentro delas outras palabras. No mesmo acto tamén se entregaron os premios do concurso de contos ilustrados organizado pola libraría, ao que optaban moi bos traballos infantís, creativos e ben elaborados a nivel artístico. Zampacontos, con Ángel Perotti á fronte, enfila xa os preparativos do seu quinto aniversario, tecendo unha tupida rede de lectores.

Versos e música, risos e miaños, na presentación de "O meu gato é un poeta", o poemario infantil de Fran Alonso, en LIBROS PARA SOÑAR. Animadísima sesión, ao son do acordeón de Xurxo Souto, mentres o autor creaba un universo de personaxes, un festín de rimas que tamén invitan a xogar coas letras amigas.

No marco da Festa da Lingua organizada en Marín pola Asociación Cultural Almuinha, os libros pasaron de man en man. Lecturas compartidas, que desprenden curiosidade e xenerosidade. Libros libres e viaxeiros que se transportan nas ondas do azar, de fogar en fogar. Na I Mostra das Letras e das Artes que tamén se celebrou estes días na Alameda de Marín, organizada polo Concello, o noso compañeiro Alberto Barreiro impartiu un obradoiro de oralidade, baseado nas fontes da tradición e da memoria colectiva.