Do 26 ao 28 de novembro celébrase no Recinto Feiral de Pontevedra a Feira das Industrias Culturais Culturgal. No programa de actividades -que abarca aos distintos gremios, dende a edición de libros, ata as artes escénicas, pasando pola creación audiovisual, a música, o deseño ou as novas tecnoloxías- KALANDRAKA vai ter unha dobre presenza: como expositor, cun stand propio de mostra e venda de libros, e tamén como promotor de presentacións das obras de autores e ilustradores que se incorporaron recentemente ao catálogo.

KALANDRAKA ocupará o stand C3, no que se poderá atopar un amplo abano de títulos, tanto para lectores infantís e xuvenís, como para lectores adultos. Destacarán as obras galardoadas co Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados e un anticipo das novidades previstas para o Nadal: o libro-cd-dvd “Na punta do pé” de música galega e portuguesa do grupo Pesdelán e o caderno de viaxe “Compostela” de David Pintor, entre outros.

Entre os actos, propiamente ditos, figuran a presentación de “Contos para nenos que dormen deseguida”, de Pinto&Chinto, editado por KALANDRAKA, o sábado 27 de novembro ás 19:30 horas no Salón do Culturgal, coa presenza do autor e mais do ilustrador, Carlos López e David Pintor. Ao día seguinte, domingo 28, a partir das 17:00 horas no Salón do Culturgal, presentarase a  colección “Animais Extraordinarios”, do selo FAKTORÍA K, coa participación do autor, Xulio Gutiérrez, do ilustrador, Nicolás Fernández, e do co-director da colección, Chema Heras. Esa mesma tarde, dende as 16:30 horas, o grupo Pesdelán impartirá un obradoiro de música e baile para todo tipo de público, a partir do material contido no libro-CD-DVD titulado "Na punta do pé". E haberá máis ritmo no concerto "Tic-Tac", co músico Pablo Díaz e a súa banda, ese mesmo domingo ás 12:00 do mediodía, no Auditorio.

“Contos para nenos que dormen deseguida” contén 28 relatos ilustrados que destacan pola brevidade, a agudeza narrativa, os xiros literarios e o sentido do humor. Son historias baseadas no nonsense que apostan pola orixinalidade e a chiscadela intelixente. Partindo da sinxeleza, sorprenden os lectores con cambios inesperados no curso dos acontecementos e finais que debuxan sorrisos, deixando un pouso de lectura gratificante, sacudindo a creatividade e invitando á reflexión. David Pintor desprega as súas artes como debuxante e paisaxista, captor de momentos e situacións hilarantes, intérprete visual do talento literario de Carlos López. O resultado son estampas de liñas sinuosas e cheas de colorido, polas que perder a ollada e soñar con saltar ao plano do papel para percorrer os seus recunchos e ser partícipe das aventuras que transcorren nelas.

Pinto&Chinto comezaron a colaborar como humoristas gráficos en 1993 e dende entón teñen colaborado en varios xornais. Na actualidade publican unha viñeta de humor diaria en La Voz de Galicia e hoxe son a principal referencia da caricatura política en Galicia. Entre os seus galardóns de humor gráfico destacan o Curuxa do humor (Museo do Humor de Fene), o Haxtur (Salón Internacional do comic de Oviedo), e o Hermés (concello de Barakaldo). En 2001 inician a súa incursión na literatura infantil. Despois de máis de 20 libros, convertéronse nuns dos autores máis premiados e prolíficos de Galicia, con diversos recoñecementos: premio Merlín, premio Raíña Lupa, selección na Feira Internacional de Boloña en 2007 e 2010, selección na Bienal Internacional de Bratislava, premio Pura e Dora Vázquez, premio Frei Martín Sarmiento, nominacións nos premios da AGE, e selección na mostra internacional ‘Sueños en papel’ en México.

“Animais Extraordinarios”, que consta dos libros titulados “Bocas”, “Nacer” e “Construtores”, traspasou as fronteiras galegas para chegar ás mans dos lectores de Alemaña, xa que unha prestixiosa editorial especializada en libros científicos adquiriu os dereitos de publicación para traducilos e editalos para o mercado dese país. “Bocas” reúne animais singulares polo seu sistema de obter alimento. “Nacer” describe a forma asombrosa en que se reproducen e coidan as súas crías doce especies de animais. “Construtores” amosa a habilidade dos animais para facer niños, vivendas subterráneas, estruturas de caza ou complexas arquitecturas naturais.

Son libros instrutivos, amenos, ben estruturados e de gran atractivo visual, que comezan situando o lector ante os diversos grupos de reino animal, con exemplos de cada un. Por terra, mar e aire, de norte a sur, por todos os continentes, selecciona unha serie de animais e ofrece un volume de información ben dosificada sobre as súas características, localización e costumes, centrándose na súa forma de acomodarse no habitat, isto é, de construir o seu fogar. Unha invitación aos lectores para que entren nas casas de certos animais, ás que os humanos raramente temos acceso, nen físico nen intelectual. Esta visita científica e visual polos niños, tobos e goridas máis espectaculares, permitiranos coñecer aspectos da súa que nos deberían mover emocionalmente para comprendelos, respectalos e protexelos. Esta obra, recomendada non só para o eido escolar, senón para todos os lectores interesados no medio ambiente, abriralles as portas ao fascinante mundo dos animais.

Xulio Gutiérrez é profesor do IES de Pobra do Caramiñal. Pertence á Sociedade Galega de Educación Ambiental, creada en 2001 para aglutinar o traballo de profesionais de diversos sectores comprometidos coa educación ambiental. É autor de máis de 20 libros sobre natureza e numerosos artigos en revistas especializadas. Nicolás Fernández é un ilustrador de natureza autodidacta afincado na Coruña. A maior parte dos seus traballos son acuarelas e bosquexos de fauna e flora, especialmente aves. Traballou como ilustrador para distintas publicacións, enciclopedias, organismos oficiais, libros, xornais e revistas. A súa obra expúxose en salas de toda España. Compaxina o seu traballo como ilustrador co deseño gráfico e multimedia, actualmente nunha empresa de xestión ambiental.

E a gran aposta editorial: KALANDRAKA súmase a Pesdelán na súa invitación a cantar e bailar, co libro-CD-DVD titulado “Na punta do pé”. O grupo impartirá un obradoiro de música e danza para público de todas as idades, o domingo 28 de novembro a partir das 16:30 horas, no denominado Cuarto dos nenos (Aula 1). “Na punta do pé” conta cun prólogo da profesora Susa Herrera, textos de Mercedes Prieto e Montse Rivera, e ilustracións de João Vaz de Carvalho. No CD que contén os temas musicais colaboran, entre outras voces, a cantante Guadi Galego. O DVD presenta explicacións e demostracións dos bailes e dos pasos básicos de cada peza.

Recuperando a cultura participativa das festas e verbenas, os compoñentes de Pèsdelán pretenden facer bailar e cantar a grandes e cativos. O repertorio abarca temas tradicionais galegos e portugueses, con arranxos orixinais e divertidos. Pesdelán (Uxía Cribeiro, Mercedes Prieto, Montse Rivera, Xan Pampín, Carlos Freire, Miguel Flores, Amando Gottardi) xorde en 2008 da unión de prestixiosos músicos, bailadores e mestres de coñecidas formacións musicais de Galicia e Portugal (Leilía, Susana Seivane Grupo, Xochilmica, Montelunai, Pula-lle-o-pe). Mediante a música en vivo e o ensino de xogos e bailes sinxelos, a súa proposta novidosa e atrevida ten un dobre obxectivo: substituír o concepto de público espectador e pasivo polo de público activo e participante e, sobre todo, pasalo ben.

Ademais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística patrocina un concerto do músico Pablo Díaz e da súa banda, a partir do libro-disco “Tic-Tac”; un espectáculo para nenos e nenas a partir de tres anos no que, dende unha perspectiva folk, se fai un percorrido por distintos ritmos, como a música clásica, o jazz, o rock, o soul, o swing e os sons latinos. As 16 cantigas do disco abordan temas próximos aos cativos, como a natureza, o mar, os animais ou o fogar, de xeito que se lles proporciona vocabulario e fórmulas de expresión a través da música. O libro-disco compleméntase cunhas orixinais ilustracións elaboradas por Marc Taeger a partir da técnica tradicional do linogravado. Trátase dunha obra para ler, ver, escoitar e cantar, pensada tanto para o público infantil como para gozar en familia.

KALANDRAKA agárdavos no stand C3 do Culturgal, do 26 ao 28 de novembro, no Recinto Feiral de Pontevedra.