LIBROS PARA SOÑAR conclúe hoxe o ciclo de actividades infantís sobre autores e ilustradores portugueses. “Ovelliña dáme la”, de Isabel Martins e Yara Kono, será un dos relatos protagonistas do repertorio desta tarde, a partir das 18:30 horas. Este conto editado por KALANDRAKA, obtivo unha mención de honra no Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.

Trátase dun conxunto de versos dialogados e áxiles que, mediante unha estrutura repetitiva, van enumerando as prendas que se poden facer con la de ovella: xerseis, gorros, bufandas, abrigos, medias... Un libro vistoso e colorido co que os primeiros lectores se poden familiarizar coa roupa, as partes do corpo, as materias primas e mesmo os rigores do tempo.

A sesión de contos rematará cun obradoiro de figuras recurtables que os nenos e nenas poderán vestir, debuxando, coloreando e recurtando os seus propios deseños. E con motivo da celebración da Festa da Reconquista en Vigo, LIBROS PARA SOÑAR abre as súas portas este fin de semana, tanto sábado como domingo.