A RITMO DE 'TIC TAC' EN FERROL
Marc Taeger ilustrou os temas musicais que Pablo Díaz compuxo para o libro-disco “Tic Tac”. A obra é un dos agasallos estrela deste Nadal entre os nenos e nenas galegos. Un grupo de rapaces e rapazas de Ferrol escoitaron, cantaron e bailaron ao son do swing de “Un dous tres”, a charanga do “Crocodilo” ou o “Rock do porco celta”.
A Galería Sargadelos foi o escenario dunha sesión de contos e música moi especial, na que se combinaron relatos e ritmos, coa interesante aportación do ilustrador, explicando a técnica do linograbado. Pero antes de comezar, cativos e grandes aprenderon cal é a mellor disposición para atender, tal e como di a letra de “Imos contar un conto”.
Teremos ollos abertos
o cu pegado no chan
coas orellas escoitando
axiña imos comezar.
En “Tic Tac” hai moitos personaxes, e moitos deles son animais, como na canción “O vello”: burros, cochos, vacas, eguas, galos... e mesmo crocodilos. O protagonista dunha das composicións musicais está namorado dunha xirafa; a súa historia pódese ler e admirar as súas imaxes no libro titulado “Crocodilo namorado”, editado por FAKTORÍA K.
Unha das asistentes á sesión de contos e música foi a adaptadora do conto tradicional “Chibos chibóns”, Olalla González. Patricia tamén narrou as aventuras do chibo pequeno, o chibo mediano e o chibo grande, que Pablo acompañou tocando a pandeireta pequena, a pandeireta e a pandeira.
E non faltaron, para rematar, adicatorias dos autores de “Tic Tac” para os lectores e oíntes deste libro-disco. Pode que os Reis Magos leven uns cantos exemplares na súa equipaxe para deixar esta noite a carón dos zapatos ben lustrados, ou debaixo da cama, ou ao pé da árbore de Nadal...