Exposición fotográfica organizada pola FSG de Vigo con motivo do 8 de abril de 2009

A sesión infantil de animación á lectura que se celebrará mañá venres, a partir das 18:30 horas, en LIBROS PARA SOÑAR, contará con integrantes da Fundación Secretariado Xitano de Vigo como invitados especiais, para dar a coñecer esta cultura e lembrar a conmemoración do Día Internacional dos Xitanos, o pasado 8 de abril.

O repertorio de contos -coa colaboración do músico Saúl Puga- incluirá títulos como "A banda de Vilacendoi" e "Orellas de bolboreta", editados por KALANDRAKA, que abordan respectivamente os temas da multiculturalidade e da autoestima. O equipo da Fundación tamén vai interpretar a historia titulada "O espello máxico", un conto tradicional xitano, como mostra da riqueza cultural deste pobo.

Exposición fotográfica organizada pola FSG de Vigo con motivo do 8 de abril de 2009

Precisamente, o obxectivo da sesión é concienciar ao público infantil e adulto sobre a necesidade de fomentar a tolerancia e a convivencia cos xitanos, un colectivo social respaldado por una cultura oral milenaria, malia que descoñecida pola escaseza de vestixios documentais. Un colectivo que non responde aos estereotipos de marxinalide que sofre actualmente por parte dalgún sector da sociedade, e que ao longo da súa historia foi pioneiro na práctica da interculturalidade. Así, no seu percorrido itinerante por toda Europa, os xitanos caracterizáronse por deixar a súa herdanza cultural e nutrir a súa propia identidade coas aportacións doutras culturas, favorecendo a mestizaxe.

Exposición fotográfica organizada pola FSG de Vigo con motivo do 8 de abril de 2009

Mensaxes a prol da toletancia, a convivencia, a interculturalidade, a igualdade e a aceptación das diferenzas serán o eixe das actividades, que rematarán cun obradoiro infantil de plástica, no que os nenos e nenas de LIBROS PARA SOÑAR contribuirán a confeccionar un mapa do mundo baseado neses conceptos.