Naceu un 25 de xuño en Motihari (India) hai 110 anos, e foi un polifacético virtuoso das palabras: xornalista, columnista, ensaísta e crítico literario. Eric Arthur Blair, máis coñecido como George Orwell, foi un dos escritores europeos máis importantes do pasado século XX. Comprometido coas causas a prol da liberdade, da xustiza social e en contra dos totalitalismos, a súa obra literaria reflicte a súa ideoloxía anti-imperialista. Publicou escritos e ensaios en diferentes revistas e xornais ingleses. Xa no seu “Homage to Catalonia” -no que describía a súa experiencia na Guerra Civil española- denunciaba o sectarismo stalinista e a represión que padecía o movemento anarcosindicalista. “A granxa dos animais” e “1984”, publicados en 1945 e 1949, respectivamente, consagrárono como un dos principais novelistas contemporáneos. Os dous títulos foron traducidos ao galego por Fernando Moreiras e publicados na colección Narrativa K de FAKTORÍA K DE LIBROS.

“Tan pronto se apagou a luz do dormitorio comezaron o barullo e o algareo en todos os edificios da granxa. Durante o día correra a voz de que o vello Comandante, o porco branco de raza middle white que gañara o concurso da feira, tivera un estraño soño a noite anterior e quería transmitírllelo aos outros animais; e acordaran reunirse todos no celeiro grande en canto estivesen seguros de que o señor Jones non fose entremeterse…”

Escrita durante a II Guerra Mundial, “A granxa dos animais” é unha sátira contra as ditaduras, unha fábula moderna na que Orwell critica os totalitarismos e a corrupción que enxendra o poder. A mestría do autor fai que os lectores reflexionen sobre as causas que levan a eses sistemas políticos a desenvolverse e, sobre todo, a seren aceptados. Trátase dun relato cun nivel de profundidade que fai posible que a súa mensaxe trascenda o caso particular do réxime soviético ao que critica, ata o punto de ser asequible mesmo para a comprensión do público xuvenil. Por este motivo, “A granxa dos animais” é un texto referencia como ferramenta educativa.

A novela foi levada ao cine en 1955, dirixida por Joy Batchelor e John Halas, na primeira longametraxe inglesa de animación. En 1999, John Stephenson dirixiu unha nova versión de ‘Animal Farm’, para a que filmou animais verdadeiros.

"O apartamento quedaba no sétimo, e Winston, que tiña trinta e nove anos e unha úlcera varicosa sobre o nocello dereito, subiu devagar, parando a descansar varias veces. En cada andar, fronte ao ascensor, o cartel coa enorme cara observábao desde a parede. Era unha desas imaxes aqueladas de xeito que os ollos te seguen ao moverte. Ao pé puña: «O IRMÁN GRANDE VIXÍATE».No apartamento, unha sonora voz lía unha lista de cifras relacionadas coa produción de ferro en lingotes..."

Imaxinas unha sociedade na que o goberno che impoña como vestir, que nova lingua falar, como actuar, como pensar? En 1984 esa sociedade existe, chámase Oceanía e comparte o dominio da Terra con outras dúas superpotencias coas que adoita estar en guerra alternativamente: Eurasia e Oriasia. Londres é a principal cidade da Aeropista Un e na súa cerna está instalado o centro do poder do estado totalitario liderado polo Irmán Grande, ser omnisciente que controla a vida social e privada dos cidadáns grazas a un sistema de telepantallas instaladas por todas as partes.

Nestoutra crítica contra toda forma de ditadura, Orwell crea o personaxe de Winston Smith, un funcionario do Ministerio da Verdade, que un día no seu traballo descobre que vive baixo a gran mentira elaborada polo Estado. Desde entón actuará para acadar unha sociedade na que se poida falar, amar, vivir libremente. Con esta “ficción” non tan “ficticia”, tan actual malia os 64 anos que pasaron dende que se publicara por primera vez, o autor proxecta no lector unha fonda reflexión: haberá nesa vella, gris e uniforme Inglaterra máis seres como Winston Smith dispostos a soñar que outro mundo é posible?