A Galería Sargadelos de Santiago (Rúa Nova, 16) acolle ata o vindeiro 31 de maio unha exposición de ilustracións, libros e obxectos no marco da XII Campaña Municipal de Animación á Lectura, co lema “Unha viaxe de ida e volta”. A mostra, aberta ao público en horario comercial, ofrece a obra de diversos artistas internacionais: o galego Baldo Ramos, a zaragozana Elisa Arguilé, a chilena Paloma Valdivia, o uruguaio Martín León Barreto, as italianas Arianna Papini e Marina Marcolin, e a francesa Catherine Louis.

Esta exposición é o espazo no que transcorren as sesións de contos e música nas que participan escolares dos centros educativos de Compostela, e as actividades abertas ás familias, como a sesión especial para bebés de 0 a 3 anos que se celebrará o vindeiro 12 de maio ás 11:30 e ás 12:30 horas.

Os visitantes chegan á sala principal a través dos debuxos de Paloma Valdivia para “Os de arriba e os de abaixo”, un libro que fabula sobre o mundo e os seus habitantes en ámbolos hemisferios. A primeira parte da exposición está adicada á obra titulada “A viaxe de Olaf”, coa que Martín León Barreto gañou o IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado cunha historia protagonizada por animais fantásticos; séguelle “Que che gustaría ser?”, de Arianna Papini, que foi finalista do certame cun conto encadeado sobre o poder da imaxinación.

Elisa Arguilé, galardoada co Premio Nacional de Ilustración 2007, ilustra a lenda africana “O león Kandinga”; unha publicación que foi distinguida pola Fundación CJ de Cultura de Corea. Sobre o continente asiático están expostas as ilustracións de Catherine Louis para o libro “O nacemento do dragón”, editado no selo Faktoría K, sobre o significado desta criatura mítica na cultura chinesa.

Europa está representada nas ilustracións realistas e simbólicas de “Letras nos cordóns”, realizadas por Marina Marcolin para un texto sobre a nenez, a escola e o primeiro contacto cos libros. Por último, Baldo Ramos ilustra a escolma poética de Celso Emilio Ferreiro, cuxa figura se homenaxea no centenario do seu nacemento cunha proxección de imaxes que resumen a súa traxectoria vital e literaria.