“Unha viaxe de ida e volta” é o lema da XII Campaña Municipal de Animación á Lectura que se realizará ata o 31 de maio na Galería Sargadelos de Santiago, organizada polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e KALANDRAKA. Como en edicións anteriores, ofrece sesións de contacontos, obradoiros de escrita creativa e ilustración, e visitas guiadas pola exposición de ilustracións, libros e elementos tridimensionais. Compleméntase con sesións de contos para bebés, narración de contos con música para familias, e actividades formativas para o persoal dos centros de ensino.

A programación está dirixida ao alumnado das Escolas Infantís de Conxo, As Fontiñas, San Roque, Polígono do Tambre e Trasparlamento. Tamén participan escolares de primeiro, segundo e terceiro ciclo de Educación Primaria. Na xornada inaugural realizouse unha presentación da campaña ao profesorado para explicarlle os eixos temáticos da campaña: as viaxes como fío condutor dun percorrido imaxinario a través de continentes, culturas, idiomas, tradicións e historias diferentes que enriquecen o coñecemento e a formación a nivel individual e colectivo.

A viaxe de Olaf”, de Martín León Barreto, que gañou o IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, é o libro do que parten as propostas e que dá pé a introducir outras obras procedentes de Asia (“O nacemento do dragón”, de Wang Fei, Marie Sellier e Catherine Louis), América (“Letras nos cordóns”, de Cristina Falcón Maldonado e Marina Marcolin), África (“O león Kandinga”, de Boniface Ofogo e Elisa Arguilé) e Europa (“Que che gustaría ser?”, de Arianna Papini).

Unha das salas está especialmente adicada a homenaxear a unha das principais figuras das letras galegas no centenario do seu nacemento, Celso Emilio Ferreiro, cunha proxección de imaxes que resumen a súa traxectoria vital e cunha exposición das ilustracións do artista plástico Baldo Ramos para o libro “Celso Emilio Ferreiro, escolma poética”, editado na colección Trece Lúas de Faktoría K.

ACTIVIDADES DIARIAS

As sesión de contacontos no espazo da exposición de ilustracións, a cargo da narradora Patricia González e do músico Álex Fente, realízanse a diario ata o 26 de maio en horario de 10:00, 11:00 e 12:00 horas para grupos de escolares de Educación Infantil e primeiro ciclo de Educación Primaria.

O ilustrador Pablo Otero imparte os obradoiros de ideogramas que se celebrarán os días 16, 21 e 22 de maio con alumnado de segundo ciclo de Educación Primaria, co obxectivo de introducir os rapaces e rapazas no proceso de creación artística.

Os obradoiros de escrita creativa que impartirá Alberto Barreiro os días 23, 24 e 25 de maio para grupos de terceiro ciclo de Educación Primaria permitirán afondar na obra poética de Celso Emilio Ferreiro.

Tamén se realizarán sesións especiais de contos e música nas escolas infantís: 2 de maio nas de Conxo e das Fontiñas, 3 de maio nas do Polígono do Tambre e Trasparlamento, e 4 de maio na de San Roque.

Os educadores terán tamén unha sesión formativa específica a cargo do narrador camerunés, filólogo e mediador cultural Boniface Ofogo, autor do álbum “O león Kandinga”, que foi premiado pola Fundación CJ de Cultura, de Corea. Impartirá a charla titulada “A importancia dos contos de tradición oral” o vindeiro 25 de abril ás 18:30 horas na Galería Sargadelos.

ACTIVIDADES ABERTAS

A XII Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago non só consta de actividades escolares concertadas, senón que tamén está aberta á cidadanía da bisbarra compostelá. O sábado 28 de abril, a partir das 12:00 horas na Galería Sargadelos, haberá unha sesión de contos e música para familias, profesorado e público en xeral.

Para o sábado 12 de maio en horario de 11:30 e 12:30 horas programáronse dúas sesións especiais de contos para bebés de cero a tres anos acompañados dun adulto, que se artellarán en base a cantos, rimas e contos para idades temperás, como os da colección “Do berce a lúa”. Ámbalas actividades teñen prazas limitadas, polo que cómpre facer as reservas a través do Departamento de Educación do Concello de Santiago.

O acto de clausura da XII Campaña Municipal de Animación á Lectura celebrarase o 26 de maio ás 12:00 horas cunha sesión de contos e música, e unha última visita guiada á exposición de ilustracións, libros e elementos tridimensionais. Trátase dunha actividade gratuita e aberta a público de todas as idades, que contará coa colaboración dos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Santiago.