O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, visitaron esta mañá na Galería Sargadelos aos escolares dos colexios Vilas Alborada e San Jorge, que participaban na sesión de contos e música da X Campaña de Animación á Lectura, organizada polo Departamento de Educación e KALANDRAKA. Xuntos, contemplaron a exposición das ilustracións de Felipe Ugalde para a obra “Un gran soño”, coa que gañou o II Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, e escoitaron a Patricia González narrando o conto, co acompañamento de Pablo Díaz ao clarinete.

 

Sánchez Bugallo animounos a ocupar o seu tempo de lecer lendo libros, aínda que tamén practiquen outras afeccións máis vencelladas ás novas tecnoloxías. O alcalde e a concelleira percorreron os demais espazos da Campaña adicados aos libros “A viaxe do bisavó”, “Os catro amigos” e “O Rei Oso Branco”, e a sala adicada a Leo Lionni -autor e ilustrador de títulos emblemáticos como “Nadarín” ou “Frederick”- do que se cumpre o centenario do seu nacemento. A visita finalizou cun percorrido pola mostra de carteis que ilustraron as dez edicións da campaña.

Dende a súa inauguración o pasado 6 de abril, a X Campaña de Animación á Lectura vén ofrecendo sesións diarias de contacontos a escolares de Infantil e 1º ciclo de Primaria. Tamén se impartiron obradoiros de escrita creativa para o alumnado de 3º ciclo. Asemade, estanse a programar encontros dos ilustradores Marc Taeger e Pablo Otero nas Escolas Infantís Municipais de Conxo, Fontiñas, San Roque e Polígono do Tambre.

Trala exitosa sesión de contos para bebés de cero a tres anos da pasada fin de semana, este sábado celebrarase unha nova actividade aberta ao público: a sesión “Contos a carón da lareira”, na que participará a Escola Municipal de Música, achegará tanto á comunidade escolar como ás familias, á tradición oral galega. Será o 24 de abril a partir das 12:00 horas na Galería Sargadelos.