Foto de familia dos participantes no obradoiro de escrita impartido por KALANDRAKA na biblioteca de Rois

O concello de Rois (A Coruña) clausurou o programa cultural de verán cunha orixinal actividade celebrada esta fin de semana pasada. Unha vintena de nenos e nenas, de entre oito e once anos de idade, asistiron a “Unha noite na biblioteca”, que comezou cun obradoiro de escrita creativa impartido por KALANDRAKA.

Unha das receitas de cociña literario-creativa elaboradas no obradoiro de escrita a partir de "Sopa de soño"

A partir de libros como “Sopa de soño”, unha das propostas literarias desta velada nocturna na biblioteca consistiu en preparar divertidas receitas de cociña a base de mesturar ingredientes insólitos, como as ‘corcheas á cazola’ de Sabela. Entre todos os participantes resultou unha cea chea de imaxinación, coa que alimentaron os seus soños.

Algúns dos participantes en "Unha noite na biblioteca" de Rois

E logo dunha noite lúdica a base de xogos, escrita, libros e lectura compartida, que mellor maneira de darlle a benvida ao novo día que exercitando a lingua galega cun obradoiro de oralidade. A Concellería de Cultura, Educación, Deportes e Mocidade do Concello de Rois, a través da Biblioteca Municipal e do Servizo de Normalización Lingüística, foron os impulsores desta iniciativa a prol da convivencia e da cultura.