O artista plástico Tiago Manuel (Viana do Castelo, 1955) foi galardoado cunha mención especial no Premio Nacional de Ilustración 2012 de Portugal pola obra “Mário de Sá-Carneiro: Antologia Poética”, publicada por KALANDRAKA EDITORA PORTUGAL. O xurado destacou que “a ilustración de Tiago Manuel comparte a poética de Mário de Sá-Carneiro, asumindo as dúbidas e arelas do poeta, e desmultiplicándose en alegorías sombrías onde o trazo sólido debuxa, coma un berro, reixas, caveiras e sombras ata caer nun universo de memorias sen fondo”.

O exceso e a dispersión son algunhas cualidades literarias desta antoloxía que a colección Treze Luas do selo FAKTORÍA K lle adica ao principal poeta do Modernismo portugués, admirado polo seu imaxinario lírico e polo cromatismo dos seus versos, ilustrados de forma vehemente e carismática por Tiago Manuel.

O xurado do Premio Nacional de Ilustración estivo formado por Adriana Baptista, profesora da Escola Superior de Educación de Porto; Manuel San Payo, profesor da Facultade de Belas Artes de Lisboa, artista plástico e ilustrador; e Cristina Grácio, en representación da Direção-Geral do Livro, dos Arquivos e das Bibliotecas.

A ilustradora Ana Biscaia foi a gañadora desta 17ª edición do Premio polo libro “A cadeira que quería ser sofá”. André Letria, pola obra titulada “Mar”, obtivo outra mención especial. Ao certame presentáronse 78 obras publicadas o pasado ano por 45 editoriais.

Por recibir esta distinción, a obra de Tiago Manuel vaise expoñer na próxima Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.

Non é o único título destacado da colección Treze Luas: a obra de André da Loba para o libro “Bocage: Antologia Poética”, tamén recibiu unha mención especial do Premio Nacional de Ilustración 2010 e o poemario forma parte do Plano Nacional de Leitura de Portugal. Igualmente, figura no Plano Nacional de Leitura “Cesário Verde: Antologia Poética”, cuxas imaxes, de José Manuel Saraiva, recibiron outra mención especial do Premio Nacional de Ilustración 2011. A colección complétase con outras dúas antoloxías poéticas adicadas a Fernando Pessoa e a Florbela Espanca, ilustradas por Pedro Proença e Joana Rêgo, respectivamente.