Sesión de contos para bebés en LPS

O próximo mércores 4 de novembro, a partir das 17:30 horas, celebrarase a primeira sesión de contos para bebés da nova tempada de actividades na libraría LIBROS PARA SOÑAR, do Casco Vello vigués. Esta actividade gratuita, dirixida a nenos e nenas de cero a tres anos, coas súas nais e pais, repetirase con periodicidade quincenal.

As sesións especiais de contos para bebés que ofrece LIBROS PARA SOÑAR teñen unha duración aproximada de 30 minutos e precisan da participación activa dos adultos. Baséanse en contidos asequibles para os máis cativos, nos que prima o factor visual e a expresión corporal. Na sesión de mañá a música terá un protagonismo destacado, coa participación do intérprete Luis Prego e a narradora Ana Barreiro.

Hai máis dun ano que LIBROS PARA SOÑAR puxo en marcha esta actividade novidosa para os habitantes de Vigo e da bisbarra, co obxectivo de familiarizar aos máis cativos co hábito la lectura, mesmo desde o berce. Paralelamente, se lles ofrecen aos seus proxenitores consellos e pautas de actuación no ámbito familiar para rodear os seus fillos dos materiais máis axeitados a medida que estes van medrando.

Sesión de contos para bebés en LPS

Títulos como a colección “Do berce á lúa” de Antonio Rubio e Óscar Villán, “Paco” de Paula Carballeira e Blanca Barrio, “Queres xogar comigo?” de Eric Carle, ou o libro de tea “Boas noites, osiño” de Donatella Bazzucchi, son parte do repertorio das sesións, deseñadas para grupos en torno a 20 adultos cos seus bebés.

Esta iniciativa, que tivo unha importante demanda por parte de pais e nais, educadores, bibliotecarios e especialistas en animación á lectura, compleméntase coas sesións de animación á lectura -tamén de balde- que LIBROS PARA SOÑAR realiza cada venres a partir das 18:30 horas, para público a partir infantil de catro anos.

Nas actividades programadas tamén se van representar graficamente as ilustracións dos libros en gran formato, para que os bebés visualicen o relato mentres os adultos enuncian cantigas, anainas e xogos verbais adecuados á idade dos cativos, para estimular a súa educación visual e plástica, achegándoos deste xeito á literatura.