Agosto de 2014, Sabino Torres visitaba Kalandraka.

...Quen non coñecía a Sabino Torres! A creación da súa mítica colección de poesía Benito Soto xa se remontaba ao ano 1949 pero os ecos desas publicacións audaces e pioneiras, as primeiras en galego en plena posguerra -toda unha fazaña-, chegaron aos nosos días coa plena vixencia e coa frescura do seu promotor.

Porque malia as enrugas, o cabelo cano e o andar lento, a cabeza de Sabino Torres era unha fonte inesgotable de recordos, de experiencias, de sabios consellos, de anécdotas. Enerxía para dar pulo á xente nova, aos proxectos herdeiros da semente que el plantou en tempos de privacións e de ausencia de liberdade. 

Cando Sabino Torres visitou KALANDRAKA en agosto de 2014 na compaña da profesora e investigadora da Universidade de Vigo, Ana Acuña, sabiamos que tiñamos diante un anaco da memoria, da historia e da cultura do país; un exemplo de vitalidade e un espello ao que mirarnos na procura de inspiración diante das dificultades.

Moitas grazas, Sabino, pola sabedoría, polas palabras, polo teu alento, que vive en todas e cada unha das persoas que te admiramos.