REMATA A CAMPAÑA DE ANIMACIÓN LECTORA 'LIBROS PARA SOÑAR'
A próxima semana chega ao seu fin a XI Campaña de animación á lectura “Libros para Soñar” coa que KALANDRAKA percorreu nos últimos meses máis de 150 colexios de toda Galicia. Dous equipos de contacontos -un para a zona norte e outro para a zona sur- visitaron as aulas de Educación Infantil e de 1º ciclo de Primaria. Como novidade, nesta edición tamén se realizaron obradoiros de oralidade e de escrita creativa para escolares de 2º e 3º de Primaria.
Conscientes da demanda dos centros e do profesorado para contar con actividades de dinamización, KALANDRAKA vén apoiando dende hai once anos a actividade docente ofrecendo esta campaña aos suscritores das súas novidades. “Libros para Soñar” continuará o vindeiro curso cun repertorio de contos e actividades renovadas, a partir dos libros incluidos no catálogo de KALANDRAKA e FAKTORÍA K.
Ana Barreiro, Iria Ballesteros e Luis Prego visitaron as escolas das provincias de Pontevedra e Ourense. Pablo Díaz e Patricia González percorreron os centros educativos da Coruña e Lugo. Alberto Barreiro impartiu os obradoiros de creación escrita e de dinamización lingüística. En conxunto, a valoración é moi satisfactoria: o alumnado tivo unha participación moi activa en todas as sesións e os mestres e mestras puideron coñecer novas propostas de animación lectora coas que seguir traballando nas aulas ao longo do curso escolar.
Mesturando contos e música interpretada con instrumentos tradicionais galegos, como a pandeireta, o acordeón ou o clarinete, as sesións convértense en celebracións festivas nas que os libros e os nenos e nenas son os verdadeiros protagonistas. Ademais da narración, foméntase a participación colectiva con cantigas e retrousos creados expresamente para acompañar relatos como os do “Mago Goma”, “Un becho estraño”, “Frederick” ou a canción de “Crocodilo namorado” incluida no libro-disco “Tic-Tac”. Os equipos de animación de KALANDRAKA tamén deixaron ao seu paso o cartel-calendario de “Onde viven os monstros” e marcapáxinas.
Queremos agradecer a confianza destes máis de 150 centros escolares, dende os máis grandes situados nas principais cidades -Pontevedra, Vigo, Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense- ata os máis cativos -colexios rurais agrupados e escolas infantís de toda a xeografía galega- que reunían ao conxunto dos seus alumnos e alumnas para recibir con ilusión e agarimo aos contacontos de KALANDRAKA. Ata a seguinte campaña!
INFORMACIÓN E SUSCRICIÓNS: Libros para Soñar, tlf. 986 43 37 68, [email protected]