RECTA FINAL DE "CANTAR E CONTAR" EN ARTEIXO
A campaña “Cantar e contar: da tradición oral ao álbum ilustrado”, que se viña celebrando dende o pasado 3 de novembro no Centro Cívico Cultural de Arteixo co gallo do vixésimo aniversario da Biblioteca Municipal, está chegando ao seu fin. Este sábado día 14, a partir das 12:00 horas, o equipo de animación á lectura de KALANDRAKA ofrecerá unha sesión de contos e música aberta ao público para clausurar este ciclo de actividades infantís.
Ao longo desta semana, os escolares de Educación Infantil e Primaria dos CEIP Ponte dos Brozos, Galán e Meicende, e das EEI de Larín, Rois, Vilarodrís, A Lagoa e Pastoriza, achegáronse ás sesións de contos e música nas que Patricia e Pablo cantaron e contaron contos como “Chibos chibóns”, “A ratiña presumida” ou “Garavanciño” a ritmo de pandeireta e pandeira, clarinete e frauta.
Rodeando esta actividade, atópanse as ilustracións dos contos e outros materiais artísticos relacionados cos libros de apoio desta campaña: as pezas cerámicas do artesán Francisco Pérez Porto, os deseños de Alicia Suárez e Federico Fernández para “A ratiña presumida” e “Chibos chibóns”, respectivamente. A cesta de Carapuchiña e a cabeza do lobo acompañan as ilustracións que Marc Taeger fixo para este álbum; e tamén se pode admirar a casiña de chocolate que conduce ás imaxes de Pablo Auladell que ilustran este clásico dos irmáns Grimm.
Tamén a plastilina pode dar lugar a figuras marabillosas, como demostran Sofía F. Rodríguez e Ana Míguez co conto de “Os sete cabritos”; e os naipes pódense converter en reis, cabaleiros e princesas, como fixo Josep Rodés en “Batalla de naipes”. E non só as ilustracións, senón tamén figuras de metal como as deseñadas por Pablo Otero poden dar lugar a libros tan orixinais como “ABCdiario”.
Precisamente, Pablo Otero pechaba a súa participación nos obradoiros escolares de ilustración cunha sesión aberta que se celebrou o pasado sábado día 7, con moito interese por parte dos cativos. Crear ideogramas a partir das letras do alfabeto era o reto que plantexaba o folio en branco. E moitos rapaces e rapazas conseguiron figuras e representacións moi imaxinativas e elaboradas.
Pola campaña “Cantar e contar” de Arteixo van pasar ata o seu remate máis de 900 escolares pertencentes aos centros escolares da vila, aos que se suma o público que visitou a mostra. Este programa de actividades está organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo, a Rede de Bibliotecas Municipais e KALANDRAKA. E a partir da próxima semana, no concello veciño de Culleredo, KALANDRAKA comezará a desenvolver as actividades da campaña de animación lingüística “Palabras no ar”.