A web especializada en literatura e edición Fervenzas Literarias vén de publicar o resultado dunha consulta popular na que se contabilizaron 513 enquisas para escoller as lecturas e iniciativas culturais máis representativas do pasado ano 2010. As distincións abarcan ata 20 categorías, entre as cales hai diversos títulos de KALANDRAKA e do selo FAKTORÍA K destacados polos internautas.

No apartado adicado ao MELLOR LIBRO PARA ADULTOS TRADUCIDO AO GALEGO, gañou a novela titulada “A ESTRADA”, de Cormac McCarthy, traducida por Eva Almazán e editada no selo FAKTORÍA K.

CONTOS PARA NENOS QUE DORMEN DESEGUIDA”, de Pinto&Chinto, foi elixido MELLOR LIBRO INFANTIL. Entre os 10 primeiros tamén se atopa o libro solidario “MILU”, de Manuel Rivas e Aitana Carrasco, a beneficio da Fundación Meniños de axuda á infancia.

Na categoría dos LIBROS DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL TRADUCIDOS AO GALEGO atópanse a obra galardoada co III Premio Internacional Compostela de Álbum Infantil, “A FAMILIA C”, de Pep Bruno e Mariona Cabassa; o clásico “QUE BONITO É PANAMÁ!”, de Janosch; o relato co que Pablo Albo gañou o Premio Lazarillo de Creación Literaria 2008, “DIÓXENES”, con ilustracións de Pablo Auladell; e “AS HISTORIAS DA AVOA CATARINA”, de Iñaki Zubeldia e Estibalitz Jalón, que obtivo a III Beca Etxepare 2009.

DAVID PINTOR, que no pasado ano publicou “Compostela” e “Contos para nenos que dormen deseguida”, foi proclamado o MELLOR ILUSTRADOR DE 2010. Neste apartado tamén se atopa KIKO DASILVA.

Entre as cinco MELLORES PORTADAS DE LIBROS PARA ADULTOS editados en 2010 os lectores de Fervenzas Literarias incluiron “COMPOSTELA”, de David Pintor, e “A ESTRADA”, cuxo deseño foi realizado por Marc Taeger.

A MELLOR PORTADA DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL tamén foi para “CONTOS PARA NENOS QUE DORMEN DESEGUIDA”, cuxa ilustración é obra de David Pintor.

Na categoría de mellor crítico literario cómpre dárlle a noraboa ao profesor e experto en Literatura Galega e Portuguesa, Ramón Nicolás, cuxo blog recén creado blog, “Caderno da crítica”, está tamén entre as cinco mellores bitácoras de Internet, segundo os lectores de Fervenzas Literarias. Máis parabéns para o programa Diario Cultural da Radio Galega, o diario dixital A Nosa Terra, o espazo ZigZag Diario da Televisión de Galicia, a canle LG3 Literatura do Consello da Cultura Galega e o programa Eirado, tamén da televisión autonómica, incluidos na lista dos mellores medios de comunicación. E entre as mellores iniciativas culturais do 2010, felicitacións para os promotores da comunidade virtual RedeLibros. Por último, grazas aos participantes na enquisa de Fervenzas Literarias por concederlle a KALANDRAKA a honra de situarse nese ranking como a segunda mellor editorial galega de 2010. E grazas tamén a Fervenzas Literarias por seguir dándolle cobertura informativa, un ano máis, a todo o relacionado coa cultura, coa edición e coa lectura en galego.