Así de animada foi a recente presentación de "Corasons" en Culturgal (Pazo da Cultura de Pontevedra).

Os artífices de "CoraSons" volverán xuntarse esta semana en diferentes escenarios para rememorar os momentos nos que foi agromando este proxecto colectivo.

Este xoves 12 ás 12:30 horas as paredes da Casa das Crechas, en Santiago de Compostela, volveranse vestir coas fotos orixinais e evocadoras de Isabel Leal.

Volverán soar tamén as voces de Uxía, de Najla Shami, de Xoan Curiel e outros intérpretes que protagonizaron o primeiro recital íntimo de "CoraSons", dez meses despois da que fora a súa xuntanza inicial.

O mesmo día, ás 20:00 horas, no Forum da FNAC, celebrarase un segundo concerto en pequeno formato para o público coruñés.

Será un petisco do que acontecerá o fin de semana na Illa de Arousa. O corazón do Salnés, convertido no berce de "CoraSons".

O sábado 14 de decembro, ás 20:00 horas, o Auditorio acollerá a proxección do documental co que Paco Abelleira deixou constancia do que el mesmo describe como "unha historia diferente, unha historia única, unha historia de amizade".

E o domingo 15 ás 20:00 horas reeditarase o gran concerto que en abril de 2012 reunira a máis de 40 artistas con cadanseu corazón, batendo xuntos e unidos ao son da fraternidade. Botando a vista atrás, con este novo espectáculo péchase un ciclo de sístole-diástole que comezou cunha ilusión, materializada agora nun libro-cd-dvd que dende Galicia proxecta a súa enerxía no veciño Portugal, no conxunto da Península, nos territorios da lusofonía e na outra beira do Atlántico.