O músico Luís Soto, da Real Filharmonía de Galicia.

A profesora Ana Acuña é a artífice dunha interesante análise literaria sobre os novos poemarios de Manuel Álvarez Torneiro e de Luís Rei Núñez, que se presentaron na libraría Couceiro de Santiago, co acompañamento musical de Luís Soto, da Real Filharmonía de Galicia.

Dúas obras que Ana Acuña enfiou “cun único fío” porque “Estrela do norte" se complementa con Onde nunca e mañá” e son moitas as liñas comúns entre ambos libros, alén das diferenzas que os distinguen a nivel formal e estético. Seguen uns fragmentos da súa intervención:

Presentación dos novos poemarios de Álvarez Torneiro e Rei Núñez na libraría Couceiro de Santiago.

Presentación dos novos poemarios de Álvarez Torneiro e Rei Núñez na libraría Couceiro de Santiago.

Os creadores son xa “voces consagradas”, pertencentes a distintas xeracións, cun importante número de publicacións e un percorrido literario sólido. A súa consolidación non impide que a súa voz soe nova e pura cada ano ou despois de once anos. Os poetas, como puidemos comprobar, sérvense das palabras sen gastalas.

Luís Rei Núñez e Manuel Álvarez Torneiro saben do pouso da tradición e do río de palabras que chega ata eles, por iso recollen o seu facho, facho que quizais recoñeceron nas intertexualidades de Rosalía, Neruda, Curros, Ferrín...).

E velaí que un poeta cita o outro (Luís a Manuel), un chama polo outro coma os rabos das cereixas (tanto é así que Luís lle dedica un poema a T) e comparten connosco as súas artes de deuses creadores de Poesía, pero capaces de ensinarnos as outras artes (música, pintura, arquitectura...).

Presentación dos novos poemarios de Álvarez Torneiro e Rei Núñez na libraría Couceiro de Santiago.

Manuel Álvarez Torneiro, autor de "Onde nunca é mañá".

Os dous poemarios comparten o compango dos grandes temas da humanidade: o amor (á natureza, á palabra...), o desamor, a crítica, o paso do tempo e a memoria. Pero tamén se complementan porque supoñen dúas imaxes opostas, seguindo a consideración de C. Guillén: unha imaxe solar en Luís Rei Núñez e unha imaxe da perda na que o poeta Manuel Álvarez Torneiro se desangra.

A imaxe solar –ou mellor estrelar– aluméanos en Estrela do norte de Luís Rei Núñez, pois o poeta, coma José Caruncho devolve a ollada do silencio, retén os misterios do bosque e irmanda o mundo cos homes. Coma o mestre Mateo mostra o faro na fin do camiño. Coma Códax soña abrazos prendidos no pazo do pasado. Coma Santalices, rima nas coplas as queixas do vento e grava no pobo abismos de lenda. Coma Manuel Antonio guía o leme que estremece o ronsel. Como Aquilino Iglesia Alvariño trae nos petos lapas de garda da fala contra a friaxe do tempo. Coma César Portela, apalpa os latexos da herbiña e bebe o recendo das brisas.

Actuación do músico Luís Soto, da real Filharmonía de Galicia.

A imaxe da perda en Onde nunca é mañá de Manuel Álvarez Torneiro maniféstase no “Mandato do tempo” onde prevalece o pasado, o paso do tempo e a memoria, todo envolto nunha banda sonora e literaria que detectan as carencias, os desexos, os retornos, o patrimonio, as raíces, as cousas pequenas que perviven na desolación e que os cans ventan cando ladran porque o único seguro son os pesares.

Nese “mandato do tempo” o eu poético preséntase á beira do desastre e saúda, como un necesitado, nunha vellez que ofende.

Nunca é mañá porque se chega a un final sen fin, pois a condición humana acaba, coma unha enxurrada, na morte e só cabe a perda e as cicatrices da memoria (de aí a “Ofrenda”) pois mesmo cando non pasa nada, algo sucede.

Presentación dos novos poemarios de Álvarez Torneiro e Rei Núñez na libraría Couceiro de Santiago.

Presentación dos novos poemarios de Álvarez Torneiro e Rei Núñez na libraría Couceiro de Santiago.

Pero insisto, os dous poemarios compleméntanse ao mostrarnos a creación, o eterno retorno e o centro.

Estrela do norte representa a creación do mundo ou a re-creación dun mundo vello: o das nosas orixes. Coma un oleiro de Gundivós, o poeta crea e constrúe, pois a creación xorde porque repite o acto divino da creación exemplar: a dos mundos e dos seres. Ó crear imitando transfórmase o espazo profano no espazo transcendente (cuxo centro pode estar no Pindo, no Monte Louro ou no mapa de Fontán) e o tempo concreto no tempo mítico (dos Irmandiños, de Rosalía, de Bóveda, da guerrilla...). Por iso o poemario é un espazo e un tempo únicos: o das nosas orixes case esquecidas, tamén, nas cicatrices da memoria.

Onde nunca é mañá mostra o eterno retorno a un martes, ao calendario de sempre, a un final sen fin. Nesa poesía tamén nos sentimos proxectados ao tempo mítico (porque o oráculo lle falou ao poeta), nese tempo no que somos verdadeiramente nós e no que lemos o retrato do mundo (“nesta hora durísima”).

Intervención da profesora Ana Acuña na presentación de "Onde nunca é mañá" e "Estrela do norte".

Presentación dos novos poemarios de Álvarez Torneiro e Rei Núñez na libraría Couceiro de Santiago.

As palabras na poesía de Estrela do norte e Onde nunca é mañá son a pel do mundo, a pel que á vez recobre as rexións visibles e as visibles. Por iso os dous poemarios son revelación. Revelación tamén solidaria cos que sofren, porque os ollos dos poetas non están cegos, están inzados de horizontes que simbolizan a esperanza e o futuro.

Os poemarios “unicamente dan por bo o imposible de atravesar de parte a parte un corazón”. Un chama polo outro e “curan a rabia do mundo co bálsamo da beleza”.

Presentación dos novos poemarios de Álvarez Torneiro e Rei Núñez na libraría Couceiro de Santiago.

Os escritores Manuel Álvarez Torneiro e Luís Rei Núñez, coa profesora Ana Acuña.