KALANDRAKA colabora con Redelibros.com, unha plataforma cultural centrada no mundo do libro que a escritores, editores, libreiros, bibliotecarios e, moi especialmente, lectores. Trátase dunha rede social galega de literatura, un espazo común onde compartir experiencias, inquietudes, lecturas e intereses; un espazo en Internet que agrupa blogs persoais e profesionais, grupos de opinión, páxinas web de librarías, editoriais e autores, axenda de eventos ou álbums personais. Os usuarios de RedeLibros atoparán lectores que comparten os seus gustos, poderán buscar información sobre outras lecturas ou comentar as obras lidas, facer recomendacións, crear bibliotecas virtuais ou sinxelamente estar ao día de canto acontece no mundo do libro, xa sexan lanzamentos editoriais, charlas de escritores, premios ou convocatorias literarias.

Redelibros.com está formada tamén, ademais da rede social, por unha plataforma de difusión do libro, tanto electrónico como en papel. Como tal, a plataforma agrupa a un número crecente de librarías que, deste xeito, se fan visibles e comercializan os seus libros en Internet. Unha páxina que agrupa a diferentes librarías que, mantendo a súa especifidade, comparten recursos e espazo e poden chegar así con maior facilidade aos lectores. Desde esta plataforma, entrando en calquera das librerías asociadas, pódense descargar obras aos e-readers, teléfonos móbiles, tablets ou ordenadores. Tamén se pode acceder a obras en papel e adquirilas para seren enviadas por correo tradicional.

...En resumo: Redelibros.com é unha oportunidade para construír un espazo cultural propio que brinde novas oportunidades a autores, editores, libreiros e, sobre todo, lectores. Unha rede ampla e descentralizada que responde, unicamente, aos intereses de todos e cada un dos seus membros. Unha rede común para debater, comentar e participar. Para vivir o libro.