Aventura interior, espazo emocional, ordenamento do caos... así é a poesía para Manuel Álvarez Torneiro, un xénero que, para él, ten “tantas lecturas como lectores”. Mañá, martes 22 ás 20:00 horas, o autor de “Os ángulos da brasa” presenta este seu último poemario na Casa das Campás de Pontevedra, xunto coa escritora Fina Casalderrey e o coordinador da colección Tambo, Luís Rei Núñez.

...Octavio Paz, Francisco Brines ou Juan Gelman foron algunhas das mencións literarias citadas por Álvarez Torneiro na presentación de “Os ángulos da brasa” que se celebou este mes en Portas Ártabras, na Coruña. Nas súas reflexións sobre a poética, o autor defendía a explicación da poética “por si soa”, a importancia preexistente da palabra e a seducción dos lectores a través da emoción. “As palabras son prostituidas na cháchara política”, lamentaba o poeta, rexeitando a superficialidade e a banalidade oral que predomina nos discursos contemporáneos. Tampouco é partidario da poesía “para catro hipersensibles”; pola contra, na obra de Álvarez Torneiro atoparanse versos que non son “nin politicamente nin poeticamente correctos”. Un autor, en definitiva, que escribe “porque a vida non é suficiente, non basta”, e que atopa na poesía o bálsamo esencial e existencial do pasado, do presente e do futuro.

A profesora e crítica literaria Teresa Seara prologou -dende a amizade persoal e o coñecemento profundo da súa obra- as palabras de Manuel Álvarez Torneiro. O seu foi un discurso repleto de pinceladas literarias e artísticas: dende a pintora surrealista Leonor Fini e o filósofo Martin Heidegger, ata o escritor mexicano Jorge Esquinca e o dominicano Franklin Mieses Burgos, pasando pola estadounidense Adrienne Rich e a arxentina Olga Orozco... Referencias que se entremezclaban coas composicións de “Os ángulos da brasa”, un poemario que abarca “as etapas dun viacrucis vital” e que se podería describir con tres palabras clave: “memoria, beleza e tempo”, expuxo Teresa Seara.

A forza redentora da xuventude, a esperanza e o amor, o territorio dos soños, son outros escenarios que nos invita a explorar esta obra, que enxalza “todo o que de máxico ten a vida”. Coma un orfebre minucioso das palabras, Manuel Álvarez Torneiro teceu un monllo de poemas confortables e reconfortables que tanto actúan de laio e denuncia, como de beixo e aloumiño.

Luís Rei Núñez destacou a fe de Álvarez Torneiro na robustez da beleza e no poder desas palabras coas que combate “contra o mundo e a favor da vida”. Co poemario dun autor que xa verquera o seu lirismo en Tambo, a colección reabre as súas portas e fiestras para achegar máis luz ao actual panorama literario. O faro desta illa volve brillar.