PRESENTACIÓN DE 'DIARIO DE CROSSES GREEN', CON MARTÍN VEIGA
A Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos, en Noia, acolleu a presentación do “Diario de Crosses Green”, do escritor Martín Veiga. Volta o autor á súa terra natal procedente de Cork, a cidade irlandesa onde reside e traballa como profesor universitario. En Cork empezaron a agromar estes versos; de hai xa 15 anos son as primeiras composicións. Porque a obra poética de Martín Veiga constrúese lentamente, dende o sosego, a observación e a reflexión de vagar, en conexión sensorial e espiritual coa natureza.
“Unha garza fita as augas pousada nas ponlas
do salgueiro, estantía coma un penedo branco”
Garzas, lavandeiras, merlos… a presenza das aves é constante no “Diario de Crosses Green”, tal e como destacou a poeta e xornalista Ana Romaní, directora do programa Diario Cultural da Radio Galega. Definiuno como unha “cartografía emocional que nos convoca, un mapa dos lugares da emoción”. Citando a profesora e crítica literaria Chus Nogueira, trataríase dunha “poética do territorio”, unha poética “sobre a literatura e sobre o poema”.
Martín Veiga fainos partícipes do seu “diálogo literario” con Avilés de Taramancos, Cunqueiro, Novoneyra, Manuel Antonio, María Mariño e outras voces literarias que evoca nestes versos; os lectores asistimos ás súas reflexións sobre a literatura e a poesía.
“Poesía nun sentido moi profundo” é o que, segundo o profesor e escritor David Pérez, practica Martín Veiga, que entende a poesía como “algo profundamente vital, unha actitude ante a vida”. Os seus poemas son comparables con “haikus sen a forma do haiku” pola súa capacidade para “deter o tempo”.
A presentación completouse cun recital do autor, que acompañou a lectura dos seus poemas cunha proxección de fotografías históricas de Cork, pertencentes á colección de Michael O'Leary e ao Cork Camera Club.
Esta obra de Martín Veiga súmase ao ronsel literario da colección Tambo, que dirixe o escritor Luís Rei Núñez e da que forman parte “Os ángulos da brasa” (Premio Ánxel Casal de Poesía 2012, Premio da Crítica Española 2012, Premio de Poesía da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2012 e Premio Nacional de Poesía 2013), “Onde nunca e mañá” e “Rigorosamente humano”, os tres de Manuel Álvarez Torneiro; “Alén da fronteira” (Premio Lois Tobío de Tradución 2012), que recompila a obra de sete poetas vascos; “Tríptico”, de Antoni Marí; “Espiral de sombras”, de Xavier Seoane; “Estrela do norte”, de Luís Rei Núñez; e “Tempo de exilio”, de Joseba Sarrionandia (Premio Etxepare 2015 de Tradución).
“Diario de Crosses Green” tamén se presentará este martes 12 de xullo, ás 20:00 horas, na libraría Couceiro de Santiago, coa participación de Chus Nogueira.