Por e para os nenos e nenas do mundo, que son a memoria do futuro, KALANDRAKA afánase cada día por crear Libros para Soñar fermosos, que marabillen os lectores e que trascendan no tempo. Un labor que dura xa 15 anos, recoñecido co Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural, e agora tamén co Premio Pontevedreses de 2012 na categoría de empresa. Grazas ao xurado desta distinción que dende hai 7 anos convoca o Diario de Pontevedra. A presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, entregoulle o galardón ao director da editorial, Xosé Ballesteros.

Durante o acto de entrega dos premios proxectáronse videos sobre a traxectoria das entidades e persoas distinguidas.

Un premio compartido cos autores, ilustradores, cos tradutores e correctores, co profesorado, co persoal das bibliotecas, cos mediadores de lectura, coas librarías, coa prensa que contribúe a visibilizar este traballo. Mais tamén coas distribuidoras, como Arnoia, que dende O Campiño fai que os libros cheguen a toda España; e coas imprentas, en especial Anduriña, capaz de materializar nas súas máquinas o resultado dun longo proceso de creación literaria e artística, edición, deseño e produción.

Porque cada un dos 200.000 exemplares publicados cada ano por KALANDRAKA levan nas súas páxinas un anaco de Pontevedra, unha cidade que a editorial comparte con outras empresas que lle dan servizo, e na que actúan entidades que, como a Fundación Meniños, saben que a primera patria é a infancia.

As intervencións dos galardoados fixeron fincapé nas posibilidades para superar as dificultades económicas e sociais. Kalandraka plasmou ese sentimento visibilizando o libro "Indignádevos!", de Stéphane Hessel.

A Meniños, galardoada no apartado de labor social; a Fernando Aguado, coordinador do proxecto microsatélites galegos, premiado na área de investigación, ciencia e universidade; ao historiador e escritor Xosé Fortes Bouzán, en cultura; á Sociedade Deportiva Teucro, por deportes; e ao notario, humanista e galeguista Alfonso Zulueta de Haz, distinguido como Pontevedrés de Honra, moitos parabéns.

Roberto Antón, coordinador da Fundación Meniños en Pontevedra.

Alfonso Zulueta de Haz, presidente das Fundacións Penzol, Sálvora e Juan XXIII.

Entrevista a Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, publicada no Diario de Pontevedra (21 de maio de 2013).