As nosas compañeiras Mari-Sol e Carmela participaron no curso de sombras de Tanxarina

LIBROS PARA SOÑAR acollerá mañá a partir das 18:30 horas unha representación da obra "Os tres bandidos", un clásico da literatura infantil do autor Tomi Ungerer, adaptada ao teatro de sombras. Será un espectáculo moi vistoso, cunha elaborada e coidada escenografía a base de cartulina e celofán de cores, que reproduce todos os espazos nos que transcorre a historia, como bosques e cidades.

 

Esta experiencia é o resultado do curso de teatro de sombras que o grupo de títeres Tanxarina impartiu en LIBROS PARA SOÑAR o pasado mes de abril. Os alumnos e alumnas aprenderon as técnicas de manexo desta disciplina, a base de variñas adheridas aos personaxes, que se van movendo pola pantalla, detrás da cal se dispón un foco de luz que permite visualizar aos espectadores o efecto das sombras.

Esceas de "A toupiña..." e "O pirata pata de lata" en teatro de sombras

A sesión de mañá está dirixida a público infantil e familiar. O libro "Os tres bandidos", editado por KALANDRAKA, editouse por primeira vez en Alemaña na década de 1960 e, dende entón, moitas xeracións de nenos e nenas de todo o mundo creceron coa historia destes peculiares personaxes, excelentemente caracterizados con chapeus e cun atípico instrumental para cometer falcatruadas.

Ilustración interior de "Os tres bandidos", de Tomi Ungerer

A lectura desta obra transmite emocións que van dende o medo inicial ata a tenrura, coa aparición do personaxe dunha nena orfa que abranda o corazón dos bandidos e failles pensar no sentido das riquezas acumuladas.